'Adeus ríos, adeus fontes, que vén a mina'

]Imaxes @alriveiro]

A comarca de Bergantiños volta a se mobilizar contra a mina de ouro que a empresa canadense Edgewater pretende instalar en Corcoesto. Agricultor@s e gandeir@s exixiron á Xunta de Galiza que non autorice o proxecto e impida que as consecuencias ecolóxicas da explotación prexudiquen a actividade agraria da comarca. 

 

"Fume negro de tractor, Galiza tomada pola tractorada". Así rezaba a canción que o grupo Rastreros dedicaba ás mobilizacións agrarias dos '90. Coma daquela, un dos símbolos da loita labrega protagonizou a mobilización decorrida este domingo en Corcoesto. Máis dun cento de vehículos congregáronse contra o proxecto mineiro que se pretende instalar na comarca de Bergantiños. Para defenderen os seus dereitos, agricultor@s e gandeir@s botaronse á rúa en prol dun agro ameazado pola mina que pretende instalar a empresa canadense Edgewater na comarca. 

"Adeus ríos, adeus fontes, que vén a mina!", denunciaba no seu vello remolque un veciño de Corcoesto preocupado polas consecuencias que o proceso de extracción de ouro irá ter na actividade agraria. Centos de explotacións gandeiras e produtoras de pataca fican ameazadas pola contaminación decorrente deste proxecto mineiro que conta co visto e prace da Xunta de Galiza. 

Perante esta realidade, organizacións agrarias e ecoloxistas; plataformas contra a mina e representantes do BNG e AGE participaron nunha masiva mobilización este domingo para amosaren o seu rexeitamento ao proxecto mineiro. Os produtos químicos empregados para a extracción de ouro --principalmente cianuro e arsenio-- suporán graves prexuízos para o medio mais tamén importantes consecuencias para a principal actividade económica da zona, entre as que se atopa a maior explotación leiteira do país, a Devesa de Longueirón. 

BNG e AGE denuncian a "actitude irresponsábel de Feijóo" cun proxecto "absolutamente salvaxe"

Desde o BNG, o seu portavoz naciona, Xavier Vence denunciou o apoio da Xunta de Galiza a este proxecto e criticou a "actitude irresponsábel" do presidente por "autorizar e subvencionar" a instalación da mina malia o clamor popular que rexeita a chegada de Edgewater a Bergantiños. Neste senso, a Xunta de Galiza saia ao paso das críticas verquidas nas redes sociais cun chío na súa conta oficial en Twitter asegurando que o proxecto non foi autorizado até o momento e que tan só conta co informe de impacto ambiental favorábel. 

Mais o certo é que o goberno galego "disfraza de estratéxico" o proxecto e mesmo o propio presidente chegou a afirmar que a instalación da mina crearía numerosos postos de traballo na comarca. Neste senso, o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras denunciou que o goberno galego está a actuar "en fraude de lei" amparando e favorecendo que os trámites legais exixidos á empresa canadense sexan "suavizados" en favor da transnacional. 

Desde as plataformas contra a mina aseguran que continuarán adiante coas mobilizacións e convocan unha para o vindeiro domingo en Carballo. Aliás, esta noite desenvolverán un ciberescrache nas contas que o executivo galego posúe na rede. Neste senso e co gallo da convocatoria decorrida hoxe, moit@s usuarios de Facebook bombardearon o muro da Xunta coa mensaxe #MinaNon e denunciaron a "censura" d@s responsábeis da mesma que chegaron a denunciar como spam a algúns d@s utentes.