O sector agrogandeiro manifestarase contra o proxecto mineiro de Corcoesto

Manifestación contra a mina de Corcoesto

Gandeir@s e agricultor@s manifestaranse este domingo para defender o sector económico que dá vida á comarca de Bergantiños. A instalación da mina de Corcoesto poría fin a décadas de traballo ligado á terra. 

 

As vilas e aldeas da comarca de Bergantiños non cesan na súa loita contra o proxecto mineiro que as ameaza. Após meses de manifestacións artelladas arredor das plataformas en defensa do territorio, este domingo unha tractorada percorrerá as rúas das vilas de Cereo e Valenza para exixir o dereito do sector agrogandeiro a continuar desenvolvendo a súa actividade. 

A instalación da mina suporía graves danos ecolóxicos, mais tamén agrícolas, ao introducir prerigosas substancias químicas directamente na terra (como as balsas de lixiviación e flotación ou os verquidos de arsenio e cianuro empregados na extracción do ouro). As explotacións gandeiras que se asentan na zona e @s produtor@s da sonada pataca de Coristanco --que posúe o selo de calidade Denominación de Orixe Pataca da Galiza-- aseguran que a aprobación da licenza mineira deixará un futuro incerto para esta comarca. Pola súa banda, os sindicatos agrarios tíldano de "terrorifico".

Os procedementos empregados para levar adiante a extracción mineira en Corcoesto suporán graves prexuízos para a saúde humana, como veñen denunciando as plataformas desde que se deu a coñecer o proxecto, mais tamén para o principal sector económico sob o que se asenta a actividade da maior parte da veciñanza da zona. Neste senso, o domingo ás 11.00h ducias de tractores sairán ás rúas para exixir os seu dereito a vivir e traballar da terra. O Bloque Nacionalista Galego e a Alternativa Galega de Esquerda anunciaron que apoiarán a convocatoria e convidan á cidadanía a se sumar á manifestación na que poderán participar todo tipo de vehículos.