"Traballan pouco": A CIG denuncia que o conselleiro de Educación faltou ao respecto ao profesorado durante unha visita institucional
Segundo a central sindical nacionalista, Román Rodríguez acusou o profesorado de "traballar pouco" en dúas ocasións diante de docentes do IES Aquis Celenis de Caldas, nun contexto de conflito laboral marcado por folgas, recortes e falta de diálogo coa representación sindical
A CIG-Ensino vén de denunciar publicamente as declaracións realizadas polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante unha visita institucional ao IES Aquis Celenis de Caldas de Reis o pasado 2 de xaneiro, nas que asegurou por dúas veces que o profesorado "traballa pouco". As afirmacións producíronse no marco dunha visita para "supervisar" as obras do centro e foron realizadas directamente diante dun grupo de docentes, no exercicio da súa representación como máximo responsábel da política educativa da Xunta da Galiza.
Para o sindicato, trátase dunha falta de respecto grave e impropia do cargo que ocupa, tanto polo contido das palabras como polo contexto institucional no que se produciron. A CIG-Ensino considera que estas declaracións non só están afastadas da realidade cotiá dos centros educativos, senón que "contribúen activamente ao desprestixio social do profesorado" e á difusión dun discurso que cuestiona a profesionalidade e o compromiso das e dos docentes co ensino público.
Un discurso reiterado desde a Consellaría
Desde a organización sindical subliñan que este episodio non é un feito illado, senón que se inscribe nunha liña de pensamento que xa foi expresada con anterioridade por altos cargos da propia Consellaría de Educación. En xuño do pasado ano, a CIG-Ensino xa denunciara unhas opinións asinadas e publicadas polo subdirector xeral de Inspección e Avaliación do sistema educativo, Enrique Prado Cueva, nas que cualificaba o profesorado como unha "clase ociosa que só espertará se ve perigar o seu posto de traballo e os seus privilexios".
Neses mesmos textos, Prado Cueva cuestionaba a inclusión educativa, cualificándoa de "presión curricular" e advertía contra o que definía como "principios inoperantes do progresismo". Tras esas declaracións, a CIG-Ensino solicitou formalmente a súa dimisión. Porén, Román Rodríguez non só rexeitou cesalo, senón que, segundo o sindicato, coas súas propias palabras confirma que comparte e asume ese discurso, malia o seu esforzo por proxectar unha "imaxe moderada" no seo do Goberno presidido por Alfonso Rueda.
A "realidade" do profesorado
Desde a CIG-Ensino contrapoñen a este relato a "realidade· que vive o profesorado galego nos centros educativos. Unha realidade marcada, segundo denuncian, por anos de recortes, deterioración das condicións laborais e falta de diálogo coa Administración. Só no presente curso escolar producíronse cinco convocatorias de folga en apenas catro meses, un feito que, para o sindicato, evidencia o profundo malestar existente no sector.
O sindicato lembra que o profesorado está a asumir ratios elevadas, unha carga lectiva excesiva, vacantes sen cubrir durante longos períodos, unha burocracia asfixiante e unha clara insuficiencia de recursos para atender adecuadamente a diversidade do alumnado. A isto súmase a ausencia de recoñecemento profesional, a falta de valorización social da función docente e a imposición de normativas sen negociación coa representación sindical.
Efectos sociais dun discurso institucional
O sindicato alerta tamén das consecuencias que teñen este tipo de declaracións cando proceden da máxima autoridade educativa do país. Ao afirmar que "os profesores traballan pouco", Román Rodríguez, segundo a CIG-Ensino, dá pulo a discursos que erosionan a confianza da sociedade e do propio alumnado no profesorado, sementando desconfianza e deslexitimando o labor educativo colectivo de miles de profesionais.
"Faino sen pudor porque se considera 'intocábel'. Non é aceptábel baixo ningún concepto que quen ostenta a maior responsabilidade da Consellaría de Educación contribúa activamente a esfarelar a credibilidade do profesorado", sinalan.
Exixencia de rectificación e negociación
Desde a CIG-Ensino reclaman unha rectificación pública por parte do conselleiro de Educación e exixen respecto institucional e recoñecemento da función docente. O sindicato demanda tamén un cambio de actitude por parte da Consellaría e a apertura real dunha mesa de negociación coa representación sindical maioritaria para abordar as demandas acumuladas nos últimos quince anos.
Entre esas reivindicacións figuran a baixada das ratios, a recuperación do horario lectivo previo aos recortes, unha dotación real de persoal para atender a diversidade, un plan efectivo de desburocratización, subas retributivas, o fin da discriminación entre colectivos docentes, a normalización da lingua galega no ensino e a negociación de normativas clave como o novo Decreto galego de Formación Profesional.

