Traballadoras sociais piden axilizar o desconfinamento da dependencia

Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza.
Traballadoras dos servizos sociais da Galiza botan en falta protocolos de desonfinamento que garantan unha asistencia de calidade e especializada.

O Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza (COTSG) pídelle á Xunta que envíe, "sen demora, protocolos para as e os traballadores dos servizos sociais nesta primeira fase do desconfinamento". Segundo recoñece a entidade nun comunicado, a experiencia das profesionais colexiadas confirma grandes eivas na fase de desconfinamento na dependencia.

Así, desde a Xunta de Goberno cren que a Administración debe abordar "canto antes" as condicións deste sistema, encargado de "velar polas persoas maiores". 

Desde o COTSG sinalan a existencia de "moito atraso na asignación de prazas residenciais das emerxencias que contemplan as situacións de abandono, de risco inminente para a integridade física das usuarias ou de malos tratos". O resultado, din, é o "desamparo no que a Administración galega ten sumidas as persoas máis vulnerábeis sen contemplar protocolos axeitados e eficaces de emerxencia que garantan unha vida digna".

Así, as traballadoras sociais da Galiza urxen a creación de protocolos de desconfinamento para a reapertura de centros dirixidos a persoas en situación de dependencia, a reforzar os servizos de proximidade, a fixar as fases de reapertura dos centros, a procurar mecanismos de conciliación para as profesionais e o acceso a tests de coronavirus.