Traballadoras sexuais acusan o “abolicionismo salvacionista” de estar detrás da censura da UDC

Encontro na Facultade de Dereito coas activistas pro regulación da prostitución.
Participantes das xornadas sobre traballo sexual, que contaron coa presenza de sindicatos de prostitutas partidarios da regulación, celebraron un encontro coa comunidade universitaria na Facultade de Dereito da Coruña unha semana despois de que a reitoría da UDC prohibise desenvolver as palestras en Socioloxía.

Cinco minutos antes de comezar a comparecencia pública na sala de vistas da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, as organizadoras taparon a imaxe do monarca, pediron retirar as bandeiras e colocaron paraugas vermellos arredor da mesa tallada coa palabra LEX.

Cinco traballadoras sexuais leron un documento que daba conta do falado estes dous últimos días nas xornadas sobre traballo sexual, cuxa celebración estaba prevista na Facultade de Socioloxía. Finalmente trasladáronse a un centro social na Coruña despois de que o reitor cancelase o evento en metade dunha polémica entre feministas.

“O único colectivo que non ten recollido ningún tipo de dereito laboral son as prostitutas que están traballando para terceiros”, dixo Conxa Borrell, secretaria xeral do Sindicato de Trabajadoras Sexuales OTRAS, que desde hai un ano intenta legalizarse pero está atopando a resposta negativa dos xuíces. “O que queremos é un contrato de traballo para as nosas compañeiras, e tense que debater en todas as universidades e téñolle que dicir á universidade que se equivocou”.

A UDC prohibiu a semana pasada a realización das xornadas, e as traballadoras revelaron que tiveran unha oferta da Escola de Relacións Laborais condicionada “a limitar en dous terzos as conferencias, incluír un par de profesores da Escola nas mesas, e deixar que rematase unha poñente favorábel ao abolicionismo”.

Rexeitaron a oferta e desenvolveron as xornadas no Centro Social A Comuna. Mais tamén recibiran un convite dun grupo de profesores de Dereito -desde onde ademais lanzaran un manifesto criticando a decisión da reitoría-, así que decidiron facer un alto e convocaron a prensa nesa Facultade.

Pero non foi unha rolda de prensa. Había moita carga emocional no ambiente, polas presións destes días, bágoas emocionadas, aplausos exasperados, e a xente quería falar e dar as grazas, mentres na mesa Conxa Borrell foi acaparando todo o protagonismo. Había máis organizacións representadas, pero OTRAS falou por todas.

“Vimos aquí denunciar a inxustiza social dun sistema capitalista que afoga sistematicamente as mulleres. O sindicato apenas ten un ano e ningunha de nós é licenciada en Dereito, pero aprendemos e estudamos moitísimo. O mes que vén organizaremos un curso de sindicalización para que todas as mulleres, todas, poidan aprender que é o sindicalismo”.

Crítica a Tiganus
Na mesa tamén interveu unha traballadora inmigrante. Cuberta cunha máscara, explicou que procedía de Rusia e lamentou non ter atopado aquí “o que esperaba da democracia”. E engadiu: “a Amelia Tiganus [ex prostituta e activista abolicionista] páganlle 300 euros por dar unha conferencia, eu para gañar eses cartos teño que recibir clientes. Non me queixo, teño traballo, teño independencia económica”.

“Quérenos silenciar porque non nos conformamos co papel que o poder e unha parte da sociedade nos asigna: o papel de vítimas inxenuas, infantís e traumatizadas. Vésenos como un perigo porque damos unha versión distinta á da vítima perfecta, a que reproduce a linguaxe e os argumentos do abolicionismo salvacionista para manter a súa parte de poder na industria do rescate”, leu outra das participantes.  

E rematou Borrell cualificando de “nacional-abolicionismo” a quen forzou a UDC a suspender as xornadas. E retou: “Que alguén veña agora e nos diga que as putas non somos feministas. Que alguén veña agora e nos diga que non estamos a loitar polos dereitos de todas. Que veñan e nos digan quen manda no feminismo.”