Manifesto #UniversidadSinCensura

Máis dun cento de profesoras e investigadoras lamentan a suspensión das xornadas sobre prostitución na UDC

Campus de Elviña da UDC Foto UDC

Consideran a cancelación “unha vulneración do dereito de liberdade de expresión no eido universitario” e lembran que acalar este tipo de debates vai contra a propia  “pluralidade” de posicións que sobre este tema existen no feminismo.

O número vai en aumento a medida que o manifesto se vai dando a coñecer pero xa son máis ce cen as profesoras e investigadoras académicas que apoian o documento ‘Polo dereito a debater na universidade e en todas partes’, no que se defende a realización na Universidade da Coruña (UDC) dunhas ‘Xornadas sobre Traballo Sexual’, finalmente suspendidas `pola propia UDC “pola "imposibilidade de garantir a seguridade do debate".

Son perto de 150 sinaturas de todo o Estado que consideran que “acalar un debate e fechalo en falso nunca pode ser unha boa idea”. Defenden a realización destas xornadas no seo da UDC argumentando que “estas e outras parecidas deberían realizarse na universidade entendendo que esta debe de ser un espazo aberto a recoller debates que se están a xerar na sociedade e no movemento feminista”. Entre as primeiras cen sinaturas que figuran no manifesto hainas de persoal de universidades de Madrid, Catalunya ou Euskadi, entre outros territorios. Apenas hai da Galiza.

Aliás indican, a Facultade de Socioloxía da UDC “leva máis de 20 anos” traballando sobre o tema a prostitución.

Pluralidade

Lembran as asinantes que no propio movemento feminista non hai acordo sobre a prostitución e como enfrontala desde as institucións. A prohibición deste tipo de debates “acaban por impoñer unha falsa polarización onde parece que só son posíbeis dúas posturas (abolición ou prodereitos), cando o propio sentido do que significa unha ou outra non están fechados, pois baixo estas etiquetas hai unha pluralidade de posicións e debates”. “As que asinamos este manifesto temos opinións diversas sobre a cuestión”, conclúen.