As traballadoras da CRTVG desconvocan o paro mentres estudan a oferta negociada polo Comité Intercentros

Redacción da CRTVG en San Marcos. (Foto: CRTVG)
De refrendarse o preacordo, desconvocaríase o paro parcial previsto para o vindeiro 27 de abril e as xornadas de folga do 1 e o 2 de maio.

O Comité Intercentros da Corporación de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) vén de desconvocar o paro parcial de media xornada que estaba previsto para esta cuarta feira 20 de abril.

As traballadoras do ente público convocaran este paro en defensa da consolidación de todo o emprego temporal e contra os despedimentos que se derivarían dunha oferta de estabilización de emprego público, que, segundo denuncian os sindicatos, é "insuficiente".

A representación do persoal tomou esta decisión para someter a referendo das asembleas dos cadro de persoal unha última proposta que se preacordou esta mañá coa dirección de recursos humanos, e que só se asinará no caso de se aprobar polo cadro de persoal en asembleas.

O Comité Intercentros, "por unanimidade", afirma que a proposta alcanzada (269 prazas, das que 254 se ofertarían por concurso de méritos e 15 por concurso de oposición) suporía a estabilización do emprego de "boa parte do persoal temporal de moi longa duración" e "reduciría os ceses previstos en anteriores propostas empresariais".

Acordo mínimo

Nunha nota de prensa enviada aos medios, as traballadoras afirman que, "ante a imposibilidade de conseguir na mesa de negociación unha consolidación do cen por cento dos afectados e afectadas", o Comité Intercentros "arrincoulle" á dirección de recursos humanos o compromiso de que procurará, para as traballadoras que poidan resultar cesadas, solucións que permitan a súa continuidade laboral.

As asembleas terán lugar na quinta feira. Serán presenciais ás tres da tarde para o persoal de San Marcos, e ás cinco, telemáticas, para o persoal das delegación territoriais e da quenda de fin de semana.

De refrendarse o preacordo, desconvocaríase o paro parcial previsto para o vindeiro 27 de abril e as xornadas de folga do 1 e o 2 de maio.