O persoal da CRTVG, en folga: estes son os motivos

Protesta do persoal da CRTVG contra a temporalidade de longa duración que afecta os medios públicos. (Foto: Comité intercentros da CRTVG)
Esta cuarta feira, 20 de abril, terá lugar un paro de media xornada para exixir a consolidación do emprego temporal, xa que, advirten desde o comité intercentros da CRTVG, produciríanse perto de 40 despedimentos coa actual oferta da compañía pública.

O persoal da CRTVG continúa esta cuarta feira, 20 de abril, as mobilizacións convocadas "pola consolidación do emprego temporal" cun novo paro que durará media xornada e que se repetirá xusto unha semana despois, o día 27. As e os traballadores están chamados a concentrarse ás 11.30 horas nos seus respectivos centros de traballo.

Estas accións xorden como resposta a unha "oferta insuficiente" de prazas nos medios públicos, "que non recolle unha solución real a toda a temporalidade que desde hai décadas arrastra a CRTVG".

A corporación, lembra o comité intercentros do ente público, evita convocar novas prazas "que poderían estar recollidas dentro da Lei 20/2021, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público".

Produciranse perto de 40 despedimentos, advirte o persoal

"A actual oferta da empresa suporía, segundo cálculos da parte social, uns 40 despedimentos de compañeiras indefinidas que, ante o non recoñecemento de toda a temporalidade de longa duración existente na CRTVG, non terán opción real de consolidar nas prazas xeradas polas súas sentenzas xudiciais", subliña o persoal que convoca as protestas.

O comité intercentros trasladou á empresa o pasado día 13 unha proposta "unánime" para convocar 254 prazas a través de concursos de méritos e outras 15 correspondentes á taxa de reposición de 2021, que sairían dun concurso-oposición no que se ofertarían de forma conxunta coa taxa de reposición do presente ano.

As e os traballadores mobilizados cren que esta proposta daría solución á temporalidade de longa duración e cumpriría co obxectivo da Lei 20/2021 de "reducir a temporalidade por baixo de 8%".

No caso de non recibir unha "resposta satisfactoria" da compañía, o persoal está chamado a secundar os paros parciais desta cuarta feira e da próxima, así como as folgas convocadas para o 1 e o 2 de maio.