A traballadora que vén de gañar un xuízo á CRTVG: "O que sufrín foi acoso laboral"

A reporteira da CRTVG María Novoa. (Foto: M.N.)

María Novoa, a reporteira gráfica á que a xustiza dá a razón na súa demanda contra a corporación por unha sanción, agradece o apoio recibido ao longo deste tempo por parte das súas compañeiras. Raquel Lema, do Comité Intercentros, denuncia un "clima de represión" na compañía contra aqueles "traballadores que consideran díscolos".

A CRTVG vén de coñecer unha nova resolución xudicial contraria aos seus intereses. Desta volta, unha sentenza pola que se declara nula e revógase a sanción imposta a unha reporteira gráfica da televisión pública galega. Esa reporteira é María Novoa. En conversa con Nós Diario agradece "o apoio das compañeiras" durante este tempo. "Estou desbordada polo seu cariño", confesa.

Novoa afirma estar "contenta" pola sentenza do Xulgado do Social nº1 de Compostela mais apunta que "foi moi duro" o que tivo que vivir durante este tempo. "O que sufrín foi acoso laboral", sinala, ao tempo que remite a Raquel Lema, representante da CUT e membro do Comité Intercentros da CRTVG, para afondar máis no seu caso.

"Hai un mal clima"

Lema indica a este medio  que a sentenza de María Novoa é "unha boa nova" e unha mostra máis do que "o Comité Intercentros vimos denunciando desde hai tempo a respecto do mal clima laboral" que a dirección crea na CRTVG.

"Hai unha represión descarada contra aquelas traballadoras e traballadores que consideran díscolos", afirma Lema, "unha represión que se exerce vía réxime disciplinario". A membro do Comité asegura que  desde "a dirección"  tratan de "reprimir" e de "sancionar" a aqueles traballadores e traballadoras "máis implicadas en Defende A Galega".

Para Lema, sen embargo, estase percibindo o que sinala como "un punto de inflexión" no que atinxe á implicación da sociedade na demanda duns medios públicos "dignos". "Estase a pasar da desafección á implicación de cada vez máis sectores, máis cidadás en demandar que se rescate a CRTVG, en ser conscientes da importancia duns medios públicos" non sometidos ao poder.

A resolución xudicial, á que tivo acceso Nós Diario, foi ditada polo Xulgado nº1 de Compostela e conclúe que "estimando integramente a demanda interposta pola traballadora contra a CRTVG, declaro a nulidade e, en consecuencia, revogo integramente a sanción imposta pola entidade demandada á traballadora demandante (amoestación escrita) por boletín sancionador de data 28 de outubro de 2022; e, en consecuencia, condeno á entidade demandada a estar e pasar pola devandita declaración con todos os efectos legais inherentes á mesma".

Reacción da Dirección da CRTVG

A Dirección da CRTVG púxose en contacto na tarde da sexta feira coa Dirección de Nós Diario para pór de manifesto que a sentenza desfavorábel "vén derivada dun defecto de forma na comunicación do apercibimento pero en ningún caso nega o abuso verbal e os insultos da presunta vítima contra un compañeiro". Porén, María Novoa nega eses presuntos insultos e a súa representación legal aclara que a sentenza non confirma como feitos probados que acontecesen eses presuntos insultos, aínda que así figuran no documento.

 

[Esta información foi editada o 26 de xaneiro, ás 20.25 horas, para agregar o apuntado pola Dirección da CRTVG ao respecto].