Nova sentenza contraria á CRTVG: declara nula a sanción imposta a unha reporteira

O xulgado do Social nº1 de Compostela estimou na íntegra a demanda da traballadora contra a corporación a raíz da sanción. Contra esta resolución non cabe recurso.

A CRTVG vén de coñecer unha nova resolución xudicial contraria aos seus intereses. Desta volta, unha sentenza pola que se declara nula e revógase a sanción imposta a unha reporteira gráfica da televisión pública galega.

A resolución, á que tivo acceso Nós Diario, foi ditada polo Xulgado nº1 de Compostela e conclúe que “estimando integramente a demanda interposta pola traballadora contra a CRTVG , declaro a nulidade e, en consecuencia, revogo integramente a sanción imposta pola entidade demandada á traballadora demandante (amoestación escrita) por boletín sancionador de data 28 de outubro de 2022; e, en consecuencia, condeno a entidade demandada a estar e pasar pola devandita declaración con todos os efectos legais inherentes á mesma”.

Os feitos remóntanse a decembro de 2022. A reporteira gráfica María Novoa presentaba unha demanda a raíz da sanción imposta pola corporación de medios públicos galegos. Esta sancionara a traballadora por “insultar de forma grave” na redacción a un produtor encargado da asignación de previsións de informativos.

A CRTVG, na comunicación a María Novoa, informaba de que “por tal motivo véxome na obriga de advertirlle de que ese tipo de comportamentos provoca situacións non desexadas no ámbito laboral e perturba o normal funcionamento do servizo. En consecuencia, impóñolle a sanción de amoestación e requíroa para que no futuro basee a súa conduta no respecto aos seus superiores e compañeiros”.

Contra esa decisión presentou demanda a traballadora, á que agora a xustiza dá a razón. Ela, segundo se recolle na sentenza, “considera a sanción imposta como non axustada a dereito dado que os feitos son total e absolutamente incertos, e en ningún caso insultou a ningún compañeiro, nin moito menos os insultos que se lle proferiron na carta de sanción, polo que a mesma debe ser revogada”.

O Xulgado considera non axustada a dereito a sanción porque a CRTVG “non indica con base en que concreto apartado do art. 91 [do Convenio Colectivo da CRTVG] exercita a potestade sancionadora”. Non detalla, prosegue o Xulgado compostelán, a tipificación concreta que está a aplicar, o que resulta requisito formal necesario para valorar se os feitos que se lle imputan á traballadora teñen ou non encaixe no concreto tipo invocado pola empresa, e, a posteriori, para poder valorar a adecuación da sanción imposta en relación co tipo aplicado”.

De modo que no caso de autos achámonos, dise na resolución xudicial, “ante un suposto de nulidade da sanción conforme ao art. 115.1.d) da LRXS", que dispón que a sentenza declarará “nula a sanción se fose imposta sen observar os requisitos formais estabelecidos legal, convencional ou contratualmente, ou cando estes presenten defectos de tal gravidade que non permitan alcanzar a finalidade para a que foron requiridos”.