Traballador@s do Sergas péchanse nos hospitais contra o recorte nos soldos e no orzamento

Protesta na Coruña [Imaxe: CIG]
As accións de protesta arrincaron en Ourense, A Coruña e a Barbanza con peches de 24h e performance para visibilizar a rebaixa salarial, que pode chegar até o 8%. O día 7 continúan en Ferrol, Monforte, Pontevedra e Cee

 

Traballadoras e traballadores da sanidade pública veñen de iniciar esta terza feira o calendario de mobilizacións en contra do "brutal recorte salarial" que están a sufrir e que podería chegar até o 8% "en soldos que nalgunhas categorías roldan os 800 euros".

Así o sinalou CIG-Saúde, quen informou de que as protestas comezaron nos hospitais de Ourense, A Coruña e a Barbanza con encerros de 24 horas, asembleias permanentes e accións reivindicativas continuadas. Unha cadeia humana desde o hospital da Coruña até o Materno-Infantil e unha performance que tivo por protagonista un boneco de Núñez Feijóo foron dúas destas actividades coas que o cadro de persoal do Sergas pretende visibilizar as consecuencias dunhas políticas que van contra os seus dereitos laborais.

Tales medidas fican contempladas na lei de Orzamentos de 2013 e poñen en xogo "vidas humanas", segundo declarou María Seijo, secretaria comarcal da central nacionalista na Coruña. A federación de Saúde calculou que desde que tomou posesión o PP, en 2009, a partida destinada á sanidade reducíronse en máis de 500 millóns de euros por mor dunha taxa de reposición do 10%, e o Sergas perdeu máis de 3 mil profesionais "namentres se manteñen os concertos coa sanidade privada". As mobilizacións continúan na quinta feira, 7 de febreiro, nos hospitais de Ferrol, Monforte, Pontevedra e Cee.