A ''xestión responsábel'' do Sergas deixará máis de 3 mil profesionais sanitari@s na rúa

[Imaxe: SG]
A Lei de Orzamentos da Xunta dispón que de cada 10 prazas vacantes só se cubrirá unha, a mesma taxa de reposición que está agora vixente e que carrexou xa milleiros de despedimentos. Sanidade presume de eficiencia


Un anteproxecto de orzamentos que carrexa o despedimento de máis de 3 mil profesionais do sistema sanitario público. Unha taxa de reposición fixada no 10%: de cada 10 prazas vacantes só se cobre unha. Até 500 millóns de euros menos nos orzamentos desde que goberna o PP. E un compromiso da consellaría de Sanidade perante Facenda: aforrar 15 millóns de euros máis.

Son as cifras da "xestión responsábel, rigurosa e eficiente dos recursos" da cal alardeou aínda esta segunda feira Nieves Domínguez, xerenta do Sergas. As mesmas que veñen de colocar riba da mesa todas as organizacións sindicais con representación no ámbito do Sergas para denunciar os recortes e as medidas contempladas na Lei de Orzamentos de 2013, que esta terza feira leva o PP ao Parlamento para iniciar o seu debate.

O departamento que dirixe Rocío Mosquera dálles a escoller: o recortan en prestacións sanitarias ou recortan nos salarios d@s traballador@s. D@s que queden, pois a taxa de reposición recollida na norma é a mesma, o que suporá milleiros de despedimentos.

Un servizo sanitario ''inviábel''

Subliñou María Xosé Abuín, responsábel nacional de CIG-Saúde, que a esta situación cómpre engadirlle o disposto no artigo 33 da lei de orzamentos: só se poderá contratar persoal para cubrir ausencias cando o traballo non se pode realizar redistribuíndo as funcións entre @s empregad@s que estiveran dispoñíbeis. Desde o sindicato Omega, Víctor Crespo foi taxativo ao sinalar que a Xunta "cruzou xa todas as liñas vermellas".

"Se segue a minguar o persoal vai ser inviábel a prestación do servizo sanitario", subliñou Abuín. Todas as organizacións sindicais cadraron ao denunciaren os concertos que a consellaría mantén coa sanidade privada. A Lei de garantías abre a posibilidade de que cando unha ou un doente non fique atendid@ nos prazos fixados segundo a patoloxía, poderá solicitar tratamento na privada e o Sergas pagará a correspondente factura.

Privatizar para xestionar o privatizado

Din as centrais que tal disposición "agocha a intención do PP de privatizar a sanidade", pois esa partida debera destinarse, entende, a dotar o sistema público dun cadro de persoal suficiente para atender todas as demandas nos prazos estabelecidos. "Temos que sacrificarnos nós para que outros poidan manter salarios que non son de obreiros", subliñou o responsábel de Comisións Obreiras en Galiza nesta materia, Ángel Cameselle.

Acusou a Feijóo de insistir no "desmantelamento" da sanidade pública malia traducirse isto "nun incremento bestial" das listas de agarda. Concluíu Cameselle sinalando que "o obxectivo é desmotivar o persoal e xustificar a privatización, porque os mesmos que privatizan xestionan os sectores privados".