Touradas Fóra de Pontevedra estará "alerta" ante as medidas do novo Goberno da Deputación

Manifestación de Touradas Fóra de Pontevedra este sábado (Foto: Nós Diario).
Touradas Fóra de Pontevedra exixiu a "abolición" desta actividade.

A manifestación organizada por Touradas Fóra de Pontevedra que percorreu o centro da cidade na véspera da segunda corrida de touros da feira da Peregrina exixiu a "abolición" desta actividade.

A voceira do colectivo, Vicky Estévez, destacou no manifesto que estarán "alerta ante as medidas que tome o novo Goberno da Deputación [de Pontevedra]" na súa política cara ao "lobbie da tortura animal".

A marcha, encabezada por unha pancarta co lema 'A tortura non é arte nin cultura', tivo principio e final na praza da Peregrina. Foi secundada por organizacións como Galiza Nova, Erguer, Ecoloxistas en Acción, o Partido Animalista e a Asociación protectora de animais Os Palleiros.

Ao respecto, a responsábel nacional de Galiza Nova, Marta Gómez, reafirmou "a necesidade de deixar claro que as touradas non son festa nin son tradición", senón que son, aseverou, "españolismo e colonización".

Precisamente, o manifesto da manifestación deste sábado en Pontevedra foi unha homenaxe a unha das principais activistas desta causa, Malú Pedrosa, falecida en setembro do pasado ano.

Vicky Estévez advertiu que os "empresarios da tortura animal teñen apoios" para tratar de "incrementar de novo o financiamento público ou a publicidade" ás corrida de touros.

Ademais de fiscalizar á Deputación, Touradas Fóra de Pontevedra tamén seguirá "facendo forza para que o Concello [que non subvenciona nin colabora e mesmo rexeita publicamente as touradas] acabe dunha vez o convenio que mantén cos propietarios da praza de touros", sinalou.

Esta entidade tamén aspira a unha nova Lei de Protección Animal galega que "prohiba" as corrida de touros argumentando que "a gran maioría do pobo galego non as quere, nin as defende, nin achegan nada cultural nin economicamente".

"Só se manteñen por un empeño ideolóxico do Partido Popular e por presión do lobbie da tortura animal", concluíu a voceira desta organización ao remate da súa intervención na protesta.