Un total de 88 galegos morreron en 2025 na lista de espera de servizos de dependencia
Fontes do Executivo galego quitaron ferro á cifra indicando que, "aínda que ningún número é positivo", Galiza é a comunidade autónoma na que menos persoas falecen esperando resolución
En 2025 morreron 88 galegas e galegas en lista de espera, 12 sen resolución de grao e 76 con dereito recoñecido, pero pendentes de prestación ou servizo. Así o indica o XXVI Ditame do Observatorio Estatal da Dependencia, elaborado pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais e presentado esta sexta feira no Congreso dos Deputados.
Segundo o informe, o número de falecementos reduciuse notabelmente desde 2024 (345 mortes) a 2025 (88).
As 76 persoas falecidas con dereito recoñecido representan o 11,48% das 662 persoas que abandonaron a lista de espera durante o exercicio. Con todo, destacan os responsábeis do informe, o peso relativo dos falecementos na redución do 'limbo' ou das persoas desatendidas é "comparativamente reducido" respecto a outras comunidades autónomas, o que indica que a diminución observada "non está determinada de forma principal polo impacto das baixas por falecemento".
Así as cousas, Galiza atendeu no último exercicio 16.464 novos dependentes, o que supón un 21,33% respecto ao ano anterior, sendo superior á media estatal que se sitúa nun 10,45%.
As persoas desatendidas descenderon en 1.344 persoas, o que supón un 49,41% menos, situando a súa taxa no 1,5%, mentres a media estatal sitúase no 8,7%. A lista de espera na Galiza é do 1,52%, fronte ao 11,10% de media estatal.
Destacan tamén que no resto dos parámetros básicos do sistema mostra un avance con "crecementos superiores" á media do resto das comunidades autónomas.
"Éxito" para a Xunta
Fontes da Consellaría de Política Social e Igualdade reivindican que estes datos, tal e como sinala o informe, outórganlles unha puntuación de 6,8 sobre 10 (+1,5 puntos que o exercicio anterior), sendo así a terceira comunidade autónoma con mellor puntuación.
Destacan que este informe manifesta o "éxito" do Plan de choque da Xunta, que permitiu resolver favorabelmente en 2025 máis de 86.000 expedientes e reducir en máis de 2 meses os tempos de espera.
"Aínda que ningún número é positivo, Galiza segue sendo, porcentualmente, a comunidade autónoma na que menos persoas falecen esperando a resolución", remarcan.

