Manifestación contra as touradas en Pontevedra

“A tortura non é arte nin cultura”

Cabeceira da manifestación na Peregrina (Pontevedra). Foto: @marcoscal_
Centos de persoas responderon, unha vez máis, á chamada de 130 colectivos e entidades para protestar nas rúas de Pontevedra contra as corridas de touros. A pancarta detrás da que camiñaron este sábado 10 de agosto dicía: “A tortura non é arte nin cultura. Touradas fóra de Pontevedra”.

A manifestación coincidiu coas Festas da Peregrina e coa feira taurina que decorre na cidade neses días, a única que sobrevive en territorio galego. “Non ao maltrato animal”, “Galiza di non ás touradas” ou “Touradas fóra da Galiza” foron outras palabras de orde que se lían en cartaces e pancartas dos asistentes.

Foi a actriz e comunicadora Baia Fernández a encargada de ler o manifesto da protesta, que torce pola abolición definitiva das corridas de touros. Fernández asegurou que a feira taurina de Pontevedra é un evento “decadente” e solicitou, en nome dos manifestantes, “a eliminación inmediata das axudas públicas, os privilexios e os convenios para publicitar” as touradas.

Ademais, esixiu ao Parlamento de Galiza un pronunciamento “rotundo” contra as corridas e a modificación da Lei de Benestar Animal. Nesta norma as touradas son, na actualidade, excepción en casos de maltrato animal.

 

Nota: imaxe da protesta en Pontevedra. Foto: @iscagz