Mar

A toniña, o cativo e "moi tímido" cetáceo que vive en augas galegas

As toniñas, a diferenza doutros cetáceos, foxen das embarcacións, o que dificulta o seu estudo. (Fotos: Alfredo López)
O proxecto 'Phocoe-nando' da Cemma busca dar a coñecer unha especie de mamífero mariño moi descoñecida pero tamén moi ameazada na Galiza e sensibilizar sobre a situación que atravesa no momento actual. A súa poboación é difícil de estimar, mais sería até 20 veces menor á dos golfiños.

Non son pouco frecuentes na Galiza os avistamentos de orcas e golfiños, probabelmente os dous cetáceos máis coñecidos dos que moran en augas próximas á Galiza. Pero non tanta xente sabe da existencia da toniña (Phocoena phocoena), o máis cativo dos exemplares desta orde de mamíferos mariños que podemos atopar no noso litoral. Diferénciase do golfiño, alén do tamaño, por ser máis grosa, ter a cara máis chata e pouco pronunciada e a aleta tamén máis pequena.

O proxecto divulgativo Phocoe-nando, impulsado pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), procura dar a coñecer a toniña e contribuír á súa protección e conservación. Un dos seus responsábeis é o biólogo e doutor Alfredo López, que conversa con Nós Diario para explicar os pormenores desta iniciativa e a situación actual da toniña no país.

"A pesar de ser máis pequena que outros cetáceos, a toniña que temos en augas galegas é de maior tamaño que as que se atopan no norte de Europa. Habita desde o golfo de Bizkaia até o norte de África, e está illada dos exemplares da súa especie que viven máis lonxe, cos que non mantén, ou case, ningún contacto", matiza. Quizais a principal característica da toniña alén da súa fisionomía é o carácter: "Son animais moi tímidos e esquivos. Adoitan fuxir das embarcacións cando as senten, o que dificulta o seu estudo", apunta López.

Isto provoca tamén que resulte moi complicado elaborar un censo, pois cando se estiman as poboacións de cetáceos é probábel que se "sobreestimen" os golfiños por achegárense máis. Con todo, o biólogo calcula que na Galiza podería haber menos dun milleiro de exemplares de toniñas, "até 20 veces menos que de golfiños".

Esta é unha especie de mamífero mariño moi descoñecida pero tamén fortemente ameazada por diferentes factores como "a contaminación, o cambio climático, as alteracións no medio ou a pesca". Unha serie de ameazas que, en conxunto, "non suman, senón multiplican" a súa vulnerabilidade. Phocoe-nando nace co obxectivo principal de concienciar da situación deste cetáceo sobre todo ás e os pescadores, e así vén de facelo perante un coloquio-debate organizado antonte no porto de Arcade (Soutomaior) da man da Federación Provincial de Confrarías.

"Explicámoslles como proceder se atrapan por accidente unha toniña viva para devolvela ao mar, e que se a atopan morta deben traela a terra sempre que sexa posíbel, pois pode ser dunha enorme utilidade para recompilar información sobre a especie", precisa Alfredo López, sobre este encontro. O próximo día 20 haberá outro, máis orientado á educación.

Mais a Cemma quere outorgarlle unha maior dimensión e xa traballa na elaboración de diferentes materiais didácticos sobre a toniña, entre eles unha 'Guía de boas prácticas' que inclúe o Himno da Toniña —obra do grupo de canto de tradicional de Peitieiros— e pezas de banda deseñada. Tamén estará dispoñíbel en formato de audiolibro.