MEDIO AMBIENTE

A 'lección' aprendida do quinto zifio varado este ano: "Devolveunos algo que é exclusivamente noso, os residuos plásticos"

O zifio que apareceu varado na praia das Amorosas da Coruña. (Foto: Cemma)
O elevado número de varamentos nas últimas datas pon en alerta o equipo da Cemma. O impacto da contaminación do ecosistema mariño por mor dos plásticos é tan grande, advirten, que "aínda que hoxe deixásemos de deitar plásticos e lixo mariño ao mar, milleiros de millóns de seres vivos morrerán".

O pasado sábado outro mamífero mariño morreu nas costas galegas. Foi un zifio (familia dos Ziphiidae) que apareceu varado na praia coruñesa das Amorosas e elevou o contador da Cemma por riba do cento de animais de diferentes especies no que vai de ano. Ironía do destino, foi morrer a carón da Domus. "O museo interactivo adicado ao ser humano recibe aos seus pés o corpo, xa inerte, dun magnífico ser mariño que xestualiza, no seu ricto, devolvernos o que é exclusivamente noso: os plásticos", lamentan esta terza feira desde a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños.

Os microplásticos afectan a día de hoxe uns 700 organismos mariños diferentes e son a causa, segundo datos de Greenpeace, da morte duns 100.000 exemplares de mamíferos mariños cada ano por mor da inxesta, asfixia ou enredo. Moitos animais confunden estes microplásticos coas súas presas. E, se os máis cativos morren, os seus predadores tamén ao quedaren sen sustento; a cadea trófica está en xaque.

"É demasiado tarde", alertan desde a Cemma, cunha mensaxe tan pesimista como fiel á realidade. "Aínda que hoxe deixásemos de deitar plásticos e lixo mariño ao mar, milleiros de millóns de seres vivos morrerán pola consecuencia dos residuos que aínda alí hai". E aínda a pesar deste crítico escenario, "o máis grave é que non temos a máis mínima intención de deixar de verter lixo" no ecosistema "máis rico e valioso" que temos, o océano.

Unha femia adulta de zifio común (Ziphius cavirostris) de 629 centímetros de lonxitude foi a que apareceu varada nas Amorosas. A necropsia, practicada por un equipo dirixido polo veterinario responsábel da Rede de Varamentos da Galiza, Xabier Pin, e do que formaron parte as veterinarias Raquel Puig e Ana Saldaña e o investigador da Universidade de Aveiro Alfredo López, revelou que sufrira un forte traumatismo antero-ventral, "o que indica que puido varar vivo nalgún lugar que se descoñece, pois ningún chegou a observala con vida".

O exame do sistema dixestivo puxo de manifesto a "orixe" do seu achegamento á costa, do varamento e da causa da morte: a inxesta de restos de lixo mariño de composición plástica que o seu corpo, como o de moitos outros mamíferos mariños que padeceron o mesmo, non puido dixerir. Sufriu unha "obstrución grave e mortal" no intestino e no estómago que derivou nun "fallo en cascada orgánico", precisa a Cemma.

Só no que vai de ano foron parar ao litoral galego cinco exemplares de zifio común, unha cifra que alarma ás persoas expertas, pois non é habitual que se rexistren no país, de media, máis de 1,1 varamentos desta especie cada ano. En total, nas tres últimas décadas apareceron 35 exemplares de catro especies de diferentes de zifio, a gran maioría (26) comúns. "Nunca se rexistraran máis de tres ao ano", salientan, dado que desta especie soe aparecer "un animal cada dous anos" na Galiza.

Os outros catro zifios que vararon este ano estaban nun avanzado estado de descomposición e apareceron entre a ría de Muros e a do Vicedo. Morreron "despois do mes de novembro" e "moi lonxe da costa", nun lugar indeterminado, se ben a causa pode deducirse: "A aparición de varamentos masivos de zifios, noutras partes do mundo, relaciónase con alteracións acústicas do medio en grandes profundidades, como manobras militares ou prospeccións submarinas", apunta a Cemma.

"Estes impactos humanos mesmo poden afectar os exemplares sen matalos, pero afectando os seus sentidos até 'cegalos', o que pode producir, na súa necesidade de procurar alimento a gran profundidade, que perdan a capacidade de detalle e confundan obxectos como cabos e bolsas con cefalópodos nadando", inciden.