Toni Cantó fai ferver as redes sociais coa súa apoloxía do machismo

O deputado de UPyD retoma o termo 'violencia doméstica' e di que "un terzo das mortes son homes", que "a maior parte das denuncias son falsas" e que "hai españois con penas de seis meses de cadea por dicir ás súas mulleres 'vai á merda'"


O deputado de UPyD no Congreso d@s deputad@s, Antonio Cantó, publicou esta segunda feira varios chíos na súa conta persoal da rede social Twitter en que pon en dúbida as estatísticas que dan conta das mulleres en situación de violencia machista e lamenta o suicidio de homes que se atoparían en proceso de separación.

Di o parlamentar que "a maior parte das denuncias son falsas", contradicindo o informe anual de 2012 da Fiscalía xeral do Estado, en que dá conta de 19 posíbeis denuncias falsas das 134.002 presentadas.

Para alén do anterior, 
Cantó emprega o termo 'violencia doméstica', colocando a porta pechada a solución a este problema político e social, e di que "un terzo das mortes son homes", que moitos son interrogados "sen probas" e que "hai españois con condenas de seis meses de cadea por dicir ás súas mulleres 'vai á merda'".

Atribúe as denuncias por violencia machista ás subvencións que chegan da UE ("3.200 euros por cada denuncia") e dixo que os datos que facilita os tirou do Instituto nacional de estatística español, o INE, se ben máis tarde recoñeceu que a fonte era o colectivo Federgen, Federación de afectados por las leyes de género. Após a ringleira de chíos enviados nesta liña e as respostas en contra colleitadas, Cantó colocou máis unha opinión para se queixar do trato recibido nas redes sociais: "falas de denuncias falsas e chámanche maltratador. Ese é o nivel neste país".

Centos recordan ao twitteiro a súa condición de deputado e reclaman que demita e que responda perante a Xustiza polas súas declaracións, consideradas xustamente máis unha mostra da violencia machista.

Horas antes dos polémicos chíos, o parlamentar de UPyD informaba na mesma rede social de que estaba a manter unha xuntanza coa Federgen, federación constituída en Madrid para se opor á Lei integral ao a considerar "discriminatoria por razón de sexo", "enrarecer a convivencia entre homes e mulleres por un tratamento desigual e por non ter en conta a presunción de inocencia" e por facer da "discriminación positiva" unha "agravante penal". O colectivo indexa os seus contidos con termos como 'feminismo radical' ou 'feminazis'.