Terrorismo machista, ou como torcer a cara diante dun problema político

[Imaxe: GalizaContrainfo]

Se denunciar a situación de violencia de xénero semella ser a panacea, por que hai mulleres que non o fan? Ao pediren axuda, cal é a atención que se lles presta? Que se xulga: a situación de violencia ou o comportamento de quen a sofre?


Cando o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas —CIS— di que o desemprego e o terrorismo son os dous problemas que máis preocupan e quen nese momento preside o goberno español comparte tales dores de cabeza "están a pensar en ETA".

A loita armada é o único tipo de terrorismo que recoñecen aínda agora, cando a organización anunciou o cesamento definitivo do fogo. Porén, polo conflito armado morreron 19 persoas cada ano, e as asasinadas polo machismo son, de media nese mesmo periodo, 60. "Son tres veces máis, e falamos unicamente das mortas.

Isto si que é terrorismo". Rosa Fontaíña fai parte da Rede de mulleres contra os malos tratos de Vigo. Atende, desde 1998, mulleres que denuncian situacións de violencia de xénero. Mais esta lacra non recibe resposta como o problema político que é, senón como un fenómeno illado, individual.

"Naturalizouse o maltrato e sufrimos un retroceso ideolóxico". Luísa González, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, é avogada. Cando estudante, déuselle por analizar —e comprobar— como os estereotipos inclinaban a báscula da xustiza cara ao lado do privado, das discusións de parella. Eran sentenzas ditadas dos '90 para atrás. Houbo mudanzas, mais non tantas como anos pasaron.

Se tocan unha, tocan a todas
"Por que cando matan unha muller non nos botamos á rúa, como cando gaña o Celta?" Ao lle preguntar polos xuízos paralelos após sabermos doutra situación machista —como o cliché de se había ou non denuncia previa ou o caso da moza violada en Santiago en decembro, recollido nos media baixo o titular Saíu do pub polo seu propio pé e xunto ao seu agresor— pódelle a xenreira.

Unha mistura de intereses políticos e económicos escoran a violencia de xénero até ser analizada non como un problema social, senón como un feito illado do que se pretende culpar a muller 

"Hai un empeño en culpar as mulleres, e responde a intereses políticos e económicos: insistir en que non houbo denuncia é un xeito de calar as voces das que loitamos", e as 'rifas de parella' saen máis baratas que a violencia machista "cando é o patriarcado quen goberna". Así as cousas, González e Fontaíña cadran en que denunciar unha situación de violencia de xénero está lonxe de ser a panacea. E explican por que.

"Non é unha solución mentres non existan os mecanismos para dar resposta a esas mulleres". Desde o Observatorio, o primeiro que recomendan é pór fin á relación de violencia, "mais despois das cun xuíz que entende que a denuncia non ten entidade dabondo porque un empurrón ou un maltrato psicolóxico no ámbito do fogar hai que demostralo, e ela volve para a casa e séntese totalmente culpábel".

Aplauden as dúas a lei galega contra a violencia de xénero —aprobada en 2007, co goberno bipartito e "moito mellor que a do Estado" na opinión de Rosa Fontaíña—. A norma recolle formación nos xulgados, na policía e para tod@s @s profesionais que van atender mulleres maltratadas. Mais "hai que dotala de orzamento". A traballadora da Rede de mulleres de Vigo é moi clara cando resume o cambio na loita contra a violencia machista rexistrado coa chegada do PP á Xunta: "destruíron todo o que había feito".

Cando o machismo é quen responde
Cando unha resolución xudicial determina que os feitos denunciados son constitutivos dun delito de violencia machista, quen denuncia ten recoñecidos uns dereitos —alén das medidas preventivas—, como o chamado 'salario da liberdade'. Fontaíña critica os cartos que van parar á Red Madre ou a leis como a de Familia "que atacan os nosos dereitos e nos devolven á casa", ao privado, ao lugar onde o terrorismo de xénero se torna 'crime por paixón'.

"Nos xulgados quéixanse do que custa cada denuncia... Claro! Se a muller aguanta, aforramos! É humillante", remarca Fontaíña. E Luísa González engade que "estamos a vivir unha involución, xa non só social, senón de moitos profesionais que pensan que se non hai un ollo morado ou un parte de lesións non hai violencia, só unha discusión".

E é que se as mulleres procuran axuda, é o sistema —patriarcal— o que responde. Cando ETA proclamou o alto o fogo "sobraban policías" e achegouse a posibilidade de que brindasen protección ás maltratadas. "Actúase desde o machismo interrompendo a liberdade delas". Alén da formación, ambas as organizacións botan en falta "compromiso e empatía" na resposta social fronte a esta pandemia. Aínda así, non dubidan que os malos tratos teñen que saír á luz. Claman por unha postura política "que non se víu aínda" para mudar unha atención enque a roupa que vista ela "vai determinaro caso que lle fagan".