Elas toman a palabra: "O Estado quere punir as mulleres polos corpos que habitan"

Manifestación polo dereito ao aborto. Vigo, 1983

Da man de dous dos colectivos que integran a Plataforma galega pola defensa do dereito ao aborto --Mulheres Nacionalistas Galegas e Conas Ceives-- o feminismo responde ao ministro de Xustiza español. Elas toman a palabra para reaxiren ás declaracións de Alberto Ruíz Gallardón. "O aborto é un dereito", sinalan, "é o bastión dentro dos dereitos reprodutivos" das mulleres. Vídeo no interior.

 

Ana Viqueira e Paula Ríos toman parte da Platafoma galega pola defensa do dereito ao aborto. Son activistas, aliás, da MNG e Conas Ceives. Após as declaracións públicas de Alberto Ruíz Gallardón en senllas entrevistas publicadas polos diarios españois conservadores, ABC e La Razón, quixemos dar a palabra ás mulleres. Ao movemento feminista. Para responderen ao ministro de Xustiza. 

De antemán advirten que, ao contrario do expresado por Gallardón, "o aborto é o bastión dentro dos dereitos reprodutivos das mulleres" mais "non é o único", sinala Ana Viqueira de Conas Ceives. "Ter o control sobre o propio corpo e a túa vida reprodutiva, ese é o dereito", explica. Aliás, acrecenta Paula Ríos de Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG), "de acordo co Comité das Nacións Unidas sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra as Mulleres, a penalización dunha práctica médica que somentes as mulleres necesitan é unha violación do direito á igualdade e á non discriminación por sexo". 

"Chaman humanista a unha lei misóxina"

Neste senso, o movemento feminista é taxativo e censura as declaracións de Gallardón cando asegurou que o anteproxecto de Lei dos dereitos do concibido e da muller grávida é unha "lei xusta, humanista e progresista". 

"Califican de progresista unha lei que aínda é máis retrógada que a de 1985"

"Non é tal", apuntan desde a MNG. "Chaman humanista a unha lei misóxina", indica Viquera de Conas Ceives. "Entón as mulleres estamos fóra do concepto humano? Califican de progresista unha lei que aínda é máis retrógada que a de 1985", acrecenta. Para ambas as dúas organizacións "un Estado que se sustenta na cultura dos dereitos humanos non axe cruelmente contra a metade de sua poboación", indica Rios, "e no caso que nos ocupa a crueldade está en punir as mulleres polos corpos que habitan, en prohibilas de teren acceso ás medidas sanitarias que protexen as súas necesidades de saúde". 

A reforma que quer aprobar o executivo español prevé que sexa precisa a sinatura dun mesmo informe por parte de dous especialistas, no que se acredite que a gravidez supón un prexuízo psicolóxico ou físico para a muller que decide interromper o seu embarazo. Unha medida, din desde a MNG, que "fai parte da estratexia de control dos corpos das mulleres" por parte do Estado "através das súas institucións de ordenamento e coerción", din. "Este anteproxecto de lei é unha quita de poderes á muller que queda totalmente baleirada", apuntan desde Conas Ceives. Neste senso, remarca, "para xustificar" a perda de capacidade de decisión das mulleres sobre o seu propio corpo, "outórganllo ao persoal sanitario" e "xudicial", no caso de menores de idade. 

"Este anteproxecto de lei é unha quita de poderes á muller que queda totalmente baleirada"

Antepor os dereitos dun embrión aos dunha muller adulta

Así, "a consecuencia", argumentan, "non soamente son trabas para poder levar a cabo o teu dereito, senón o mantemento e o recordo constante desa usurpación de poder", a lembranza, conclúen, "de que ti non podes decidir sobre o teu corpo - a túa vida - e que non eres capaz de saber o que é mellor para ti". 

Unha tutela --a que imporá a nova lei-- alicerzada segundo o ministro de Xustiza español --e o Partido Popular-- no conflito xurídico entre os "dereitos do concibido" e das mulleres. Para o movemento feminista "limitar os dereitos reprodutivos non é protexer a vida, é exercer o autoritarismo". Neste senso, explican desde a MNG, a "idea dos dereitos do nascituro [ou concibido como denomina o anteproxecto de lei] é o exemplo máis recente da intervención relixiosa na política". Unha intervención que atinxe a "certas confesións relixiosas --principalmente cristiás-- que consideran que as mulleres deben ser sumisas aos homes e realizárense na maternidade". Neste senso, continúan desde a MNG, "antepóñense os dereitos dun embrión aos dunha muller adulta". 

"A idea dos dereitos do nascituro é o exemplo máis recente da intervención relixiosa na política"

Como resultado diso, subliñan, "temos non só a violación da laicidade do Estado, mais tamén a negación da muller como suxeito de dereitos, transformándoa nun corpo manipulábel de acordo coa vontade relixiosa". Pois, "en calquera leitura que se faga, o que fica nídio é que a idea non foi creada para conceder dereitos aos nascituros, senón para limitar os dereitos das mulleres", sentenza. E nese plano son taxativas, "o noso poder de decisión, non debe ser limitado". 

Unha lei (tamén) clasista 

"Non visan conceder dereitos aos nascituros, senón limitar os dereitos das mulleres"

Porén, as organizacións feministas advirten tamén do carácter clasista da reforma que vai para alén da eliminación dun dereito para as mulleres e suporá máis unha fenda entre clases sociais. "Abortar de forma segura e confidencial, nun país onde o aborto é crime, é un luxo que o diñeiro pode comprar, ou a compra dun billete para calquera lugar onde a práctica non estea criminalizada". Así, sinalan, "é un feito que aquelas que pagan o custe da ilegalidade do aborto son as mulleres pobres" e nomeadamente "as máis vulnerábeis son as que moran en áreas rurais", face aqueloutras que poidan acudir a clínicas privadas en Londres ou Portugal. 

Unha realidade que xa están a combater desde tempo atrás á presentación da propia lei. Neste senso e através da Plataforma galega pola defensa do dereito ao aborto xa están a fixar unha axenda de mobilizacións. Unha loita que pasa, din, por "nos unirmos todas e todos como mulleres no seu concepto máis político" agrupárense "como pobo", sinalan, arredor dunha "folla de rota que xa está marcada: unidade, mobilización e pedagoxía". 

Vídeo e imaxe da capa: Galiza Contrainfo