"Tomamos o Congreso ás ordes do Rei". A afirmación de Tejero que os medios censuran

Antonio Tejero durante o 23F

Non fai falta elaborar un sofisticado falso documental para contar as cousas que acontecen e para achegarse á verdade de certos episodios históricos. Ás veces abonda con non censurar e con investigar en serio acontecementos fulcrais para a evolución do actual réxime político. Os medios hexemónicos continúan sen recoller a confesión realizada días atrás polo tenente coronel golpista Antonio Tejero, a figura icónica do 23F, en que incriminaba directamente o naquela altura monarca español, Juan Carlos I. "Tomamos o Congreso ás ordes do Rei", afirma.

A sexta feira 22 de febreiro o dixital El Correo de Madrid achegaba un valioso material manuscrito de Antonio Tejero, o tenente coronel da Garda Civil que entrou nos libros de historia ao irromper pistola en man no Congreso dos Deputados durante a sesión de investidura de Leopoldo Calvo Sotelo como presidente do Goberno. O seu bigote decimonónico e o seu esperpéntico histrionismo —"quieto todo el mundo, se sienten, coño", berrou desde a tribuna— ficaron como as imaxes de marca dun lance aínda non suficientemente esclarecido da recente historia do estado español.

 

O material en cuestión é unha tarxetón enviado por Tejero para escusar a súa non asistencia a unha conferencia que ía pronunciar o xornalista Luis Fernández Villamea, o último director da revista de extrema dereita Fuerza Nueva. O texto manuscrito do garda civil golpista rezaba literalmente así:
 

“Querido amigo Villamea:

Nesta conferencia que vas dar quero que poñas de relevo que tomamos o Congreso, os Gardas Civís ás ordes do Rei, para que se puxese un goberno militar, pero que ao ver que se convertía a cousa nunha traicionesca borbonada para meter marxistas nun Goberno do que non se me dixo nada, non o aceptamos.

Por iso o noso foi un contragolpe do que se beneficiou Leopoldo Calvo Sotelo que nunca nos deu as grazas”.

 

Esta confesión viralizouse nas redes, mais non deu rachado o muro da censura imposto polos medios hexemónicos. Nin esta directa imputación ao naquela altura monarca español nin declaracións realizadas polo político vasco Iñaki Anasagasti ao programa Salvados para ser insertadas no seu falso documental e que finalmente foron desbotadas na montaxe final. Nelas o ex portavoz do PNV no Congreso afirmaba que antes do golpe de estado Gregorio Peces Barba, dirixente do PSOE, se puxera en contacto coa formación nacionalista para a sondexar sobre a súa disponibilidade a apoiar un goberno de concentración presidido por un militar. "Por un militar? E por que non por un bispo?", contestáralle con sorna Xabier Arzallus, o líder jeltzale, segundo a versión de Anasagasti que non pasou o filtro final de Salvados.

 

Antonio Tejero foi condenado por rebelión militar en 1983 a 30 anos de reclusión. Cumpriu condena até decembro de 1996, cando obtivo a liberdade condicional. Nunca abxurou das súas ideas ultradereitistas e mesmo desde a cadea probou fortuna coa política ao lanzar o partido Solidaridad Española, de efémera existencia.