Toma simbólica do Pazo de Meirás para reclamar a súa devolución ao pobo

Un grupo de “nacionalistas e demócratas” entraron esta mañá ao Pazo de Meirás e despregaron nunha das torres e na balconada dúas faixas con lemas en que se reclamaba a devolución do espazo ao pobo e coa lenda “franquismo nunca máis”.

Un grupo de persoas, entre quince e vinte, accederon pouco antes das once de esta mañá ao Pazo de Meirás para levar adiante unha ocupación simbólica do espazo e reclamar que sexa devolto ao pobo “para pór fin a oitenta anos desta ignominia”, segundo explicou desde o interior Néstor Rego, membro da Executiva Nacional do BNG, e unha das persoas, a maioría militantes nacionalistas, entre eles Bieito Lobeira e Rubén Cela, que entraron ao Pazo saltando un valado.

 

“Somos galegos, nacionalistas e demócratas e estamos aquí porque entendemos que as institucións públicas teñen que actuar para pór fin a fin a esta ignominia”, dixo Rego, antes de explicar que decidiran saltar o valado porque levaban quince días chamando para anotarse á visita de hoxe sen ter tido resposta

 

Na explanada exterior militantes do BNG da comarca da Coruña responderon a unha convocatoria de urxencia da formación nacionalista para concentrarse en apoio “a esta ocupación simbólica”, como a definiu Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento galego, que está acompañado por Xosé Luís Rivas Mini, un dos parlamentares frentistas pola Coruña, ambos moi vinculados ao activismo en prol da memoria histórica.

 

“Imos estar aquí até que poidamos”, comentou Néstor Rego desde o interior do Pazo, “vimos un coche da Garda Civil, pero por aquí nin parece que haxa visitas nin ninguén máis”. Rego denunciou tamén “a continuidade entre o réxime franquista e o actual simbolizada nunha fotografía de Franco dándolle a man a Felipe de Borbón en 1975 neste mesmo pazo”.

 

“O PP non vai facer nada se non o empuxamos”

 

Desde o exterior, Luís Bará explicou que o BNG decidira convocar alí a militantes e manifestantes en canto lle comunicaron de que se ía emprender a acción de entrar no Pazo. “Son precisos actos como este, de rebelión, e actos desde as institucións como os que está levando adiante o BNG aquí e en Europa para facer que o PP mude, que o fará con desgana, e responda á demanda pública de recuperación do Pazo”, dixo o deputado en referencia as declaracións onte de Pedro Puy Fraga, portavoz parlamentar do PP, indicando unha vía, a dun acordo coa familia Franco, para a reintegración de Meirás ao patrimonio público.

 

“Até agora o PP sempre votou en contra de calquera iniciativa a respecto da recuperación democrática do Pazo de Meirás, por iso pensamos que só a través da resposta contundente da cidadanía, das forzas políticas e dos movementos memorialísticos como a IGM ou a CRMH seremos quen de rematar coa actitude cómplice do PP que até agora só se ten posto de perfil”, concluíu Bará.