Acto simbólico pola devolución e contra o fascismo

Penduran do Pazo de Meirás unha faixa xigante co lema "Franquismo Nunca Máis"

As faixas enfeitando o pazo

O Pazo de Meirás reabría esta cuarta feira as súas portas e un nutrido grupo de persoas realizou desde o seu interior, accedendo mesmo ao alto dunha das súas torres, un acto simbólico de denuncia do uso deste imóbel, espoliado ao pobo polos golpistas de 1936, por parte do fascismo español. Unha faixa xigante, co lema "O Pazo é do Pobo Galego. Franquismo Nunca Máis" e coroada pola estreleira, expresaba o sentido desta acción.

"Que nos devolvan o roubado. Franquismo nunca máis", rezaba a outra das faixas despregadas durante este acto simbólico.

 

O BNG convocou de urxencia unha concentración de apoio a esta acción realizada por "activistas da memoria histórica" e entre os que figuraban destacados militantes da formación frentista como Bieito Lobeira, Rubén Cela e Néstor Rego.

 

Rego, nun vídeo ao que tivo acceso Sermos, presentou o acto como unha "ocupación" do Pazo de Meirás por parte dun "grupo de galegas e galegos, de demócratas, de patriotas, de nacionalistas". Trataríase dunha "acción simbólica" para "reclamar que definitivamente este Pazo volte ao pobo galego". Hai que acabar coa "ignominia" que supón que 80 anos despois de o pazo "ser espoliado ás veciñas e aos veciños por medio da coacción, por medio do terror" o imóbel continúe a ser propiedade da familia Franco. 

 

O pazo debe voltar a ser "patrimonio público do pobo galego". "Non ten ningún sentido esta continuidade da propiedade na familia Franco. Carece de toda decencia democrática que sexa xestionado por unha Fundación como a Francisco Franco que debería ser ilegal, mais que é legal e que con recursos públicos fai apoloxía do fascismo, do franquismo e da ditadura", dixo Rego. "Decidímonos a actuar para o conxunto da sociedade galega ser consciente de que hai que acentuar a demanda democrática, de decencia mínima democrática, de que o Pazo de Meirás volte ao pobo galego", acrecentou.

 

 

#OPazoÉdoPobo é a etiqueta posta en circulación en twitter para reforzar a "conquista" simbólica do Pazo, en expresión utilizada por @obloque.