Acto simbólico contra o fascismo

Garda Civil identifica o grupo que ocupou a Torre da Quimera no Pazo de Meirás

Un axente da Garda Civil perante a concentración

Dous coches da Garda Civil apareceron nas inmediacións do Pazo de Meirás. Efectivos do corpo militar tomaron a identificación as e os activistas pola memoria histórica que se achaban na Torre da Quimera, da que penduraba unha faixa co lema "O Pazo é do Pobo Galego. Franquismo Nunca Máis".

Entre as persoas cuxa identidade requeriron os axentes da Guardia Civil achábanse os membros da Executiva Nacional do BNG Néstor Rego e Bieto Lobeira, os dous participaran do despregamento da faixa desde a chamada Torre da Quimera.

 

A Garda Civil tamén tomou os dados dalgunhas das persoas que, desde a balaustrada do pazo, penduraron unha das faixas.

 

Concluída a identificación, as e os activistas abandonaron o Pazo pola porta das visitas, pondo o ramo ao acto simbólico.

 

Fe de grallas: na versión inicial desta peza consignouse de forma errónea que a Garda Civil identificara tamén algunha das persoas convocadas polo BNG para, desde o exterior do edificio, testemuñar o seu apoio a esta acción simbólica.