Os sindicatos rachan coa dirección da área sanitaria de Pontevedra tras "dous anos de conflitividade insoportábel"

Os sindicatos acusan o Sergas de ocultar información (Foto: @eventuais_loita).
Prosagap, CIG, Omega, CSIF, CCOO, TSP, Satse e CESM rachan todas as relacións e acusan os directivos de "bloquear a acción sindical, ocultar información sobre temas como a mobilidade interna ou as nóminas e levar a cabo unha política de feitos consumados tomando decisións de forma unilateral".

As Comisións de Centro de Atención Hospitalaria e de Atención Primaria do distrito de Pontevedra, na área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, anunciaron esta sexta feira que, tras dous anos dunha "conflitividade laboral insoportábel" co equipo directivo do Complexo Hospitalario —desde que comezou a pandemia— decidiron "rachar todas as relacións coa Xerencia", por considerar que o diálogo cos seus integrantes "é imposíbel para a resolución dos seus problemas, necesidades e demandas profesionais".

Así o manifestaron nun comunicado de prensa, no que detallan que "ante esta situación insostíbel", os representantes dos traballadores, que pertencen ás organizacións sindicais Prosagap, CIG, Omega, CSIF, CCOO, TSP, Satse e CESM, solicitaron unha reunión coa Xerencia e coa Dirección de Recursos Humanos do Sergas, a quen pide amparo ante "un ataque" ás distintas normas que regulan as relacións laborais e de representación sindical, "provocando unha situación de indefensión absoluta" dos dereitos dos traballadores do distrito de Pontevedra.

Os representantes das oito organizacións sindicais acusan a dirección do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHUP) "de bloquear a acción sindical, ocultar información sobre temas como a mobilidade interna ou as nóminas e levar a cabo unha política de feitos consumados tomando decisións de forma unilateral", lamentan, "sen informar de prazas vacantes que se ofertan, de aumentos ou reducións de persoal ou da aplicación de novas quendas, asuntos todos que afectan directamente os profesionais sanitarios".

Critican tamén "os fallos e erros cometidos e non comunicados" nin aos traballadores nin aos sindicatos, como, lembran, "ocorreu coa falta de pagamento das nóminas do mes de decembro, sobre as noites e os festivos realizados no mes de novembro", ao tempo que denuncian as "presións por parte do equipo directivo sobre os traballadores para enfrontalos aos seus representantes sindicais".

As Comisións de Centro de Atención Hospitalaria e Atención Primaria denuncian, ademais, "irregularidades no cumprimento de acordos alcanzados como os relativos a listaxes de vacinación, comisións de servizo ou mobilidade interna", así como o atraso nas resolucións de borradores como, por exemplo, o de autoconcertación de quirófano, no que levan un ano debatendo "con enganos aos traballadores sen avanzar o máis mínimo", abundan.

As centrais sindicais subliñan "o abandono de funcións que practica o equipo directivo" para buscar os profesionais sanitarios necesarios para cubrir as quendas de traballo nos diferentes servizos, "delegando esa procura nos propios xefes de servizo, en mandos intermedios e mesmo nos propios traballadores, baixo a ameaza de que se non os atopan terán que traballar esas quendas a maiores". Neste senso, sinalan tamén a "absoluta incapacidade para fidelizar aos MIR que acaban", para que queden a traballar nesta área sanitaria, "ao forzalos con contratos lixo, sen que poidan elixir libremente entre todas as prazas que hai vacantes".

As Comisións de Centros reprochan, aliás, que a dirección "sexa incapaz de negociar sobre os acordos alcanzados" na Mesa Sectorial sobre temas como días de libre disposición, vacacións, permisos, licenzas e a organización das quendas en Atención Primaria, que se fixeron ás veces de costas dos representantes sindicais, como os dos sábados pola mañá, e "que en moitas ocasións quedan descubertos", matizan.

Estes sindicatos reclaman que á reunión solicitada hai case un mes acuda a dirección actual do Complexo Hospitalario de Pontevedra, a Xerencia e a Dirección de Recursos Humanos do Sergas e máis un representante de cada organización sindical.