Todas as parroquias do Courel, agás Noceda, desaloxadas

Unha persoa toma imaxes do incendio na zona do Courel. (Foto: Europa Press)
Na Galiza arderon xa máis de 19.000 hectáreas entre terreo forestal e núcleos rurais.

O dispositivo de evacuación da poboación da zona do Courel prosegue a esta hora da mañá. Segundo confirmaron fontes locais a Nós Diario, todas as parroquias do lugar, a excepción de Noceda, están a ser desaloxadas pola proximidade do lume ás vivendas.

Agora mesmo, só permanecen nas parroquias máis afectadas aquelas persoas que están a participar nos labores de voluntariado para intentar axudar os equipos de brigadistas desprazados pola Xunta, xa que estes están a dobrar quendas de traballo con recursos moi limitados.

Neste sentido, as mesmas fontes trasladaron a Nós Diario o "enfado" dunha parte da veciñanza coa Unidade Militar de Emerxencia (UME), pola súa actuación. Critican a "descoordinación" e "inacción" dos seus efectivos, e contrapóñena coa "solidariedade" da veciñanza doutras comarcas, como o Salnés e o Barbanza, que estarían a achegarse para levar material e colaborar nas tarefas de control dos lumes.

Outro dos aspectos que destaca a veciñanza é que os soutos que rodean as parroquias, en moitos casos milenarios, están a actuar de devasas naturais contra as lapas, evitando que estas se propaguen a maior velocidade.

Máis de 19.000 hectáreas calcinadas

Ás 8 horas desta terza feira, a Consellaría de Medio Rural actualizou os datos de incendios activos e de hectáreas canceladas polas lapas.

En total, máis de 19.000 hectáreas de terreo forestal e rural víronse afectadas polo lume desde que comezou a vaga de incendios a pasada quinta feira. Valdeorras e Courel seguen a ser as zonas máis afectadas, con 7.500 e 6.000 hectáreas ardidas respectivamente.

O incendio no concello de Vilariño de Conso é o terceiro que suma máis de mil hectáreas no noso país. En concreto, a esta hora os rexistros de Medio Rural apuntan a 2.650 hectáreas queimadas.

O resto de incendios activos suman unhas 4.000 hectáreas. Deles, os máis grandes agora mesmo son o de Oímbra, que chegou desde Portugal (350 hectáreas); e Cervantes, con dous focos de 100 e 65 hectáreas.