O Goberno estatal prepárase para tratar a Covid-19 como enfermidade endémica

Pedro Sánchez avanza que o Executivo regulará o prezo dos tests de antíxenos e adquirirá este mesmo mes 344.000 doses do fármaco antiviral oral que comercializa Pfizer.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha imaxe de arquivo (Foto: M. Fernández / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha imaxe de arquivo (Foto: M. Fernández / Europa Press).

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, afirmou na mañá desta segunda feira, nunha entrevista concedida á Cadena SER, que cómpre avaliar a Covid-19 como unha "enfermidade endémica".

"Creo que temos as condicións para, con precaución e aos poucos, empezarmos a avaliar a evolución desta doenza con parámetros diferentes [...]. É unha variante máis contaxiosa, pero máis leve", sinalou, e tamén incidiu en que nas vindeiras semanas de xaneiro "chegará o pico da sexta vaga".

Sánchez destacou que a ministra de Sanidade, Carolina Darias, xa propuxo esta medida aos seus homólogos europeos. "Vemos que a letalidade non é a que tiñamos ao principio da primeira vaga, de perto de 13%. Hoxe, de media, está arredor de 1%", xustificou.

Fármacos antivirais de Pfizer

Por outra parte, o líder do Executivo estatal avanzou que adquirirá, este mesmo mes de xaneiro, arredor de 344.000 doses do fármaco antiviral oral que comercializa a farmacéutica Pfizer.

"Reduce en 88% a posibilidade de hospitalización das persoas doentes da Covid-19 máis vulnerábeis", defendeu Pedro Sánchez.

Tests de antíxenos

No que atinxe ao elevado prezo no Estado español dos tests de antíxenos, a diferenza do que acontece noutros países da Unión Europea, Sánchez asegurou que o seu goberno "meterase co control" do custo destas probas de detección do coronavirus.

"O debate que tiñamos este Nadal foi, sobre todo, a oferta de tests. Existía un colo de botella, había un aumento exponencial da demanda e non así da oferta, mais este tema xa foi resolto", salientou.

Porén, non se mostrou partidario de vender estes tests nos supermercados, algo que xa fan Alemaña ou Portugal.

Comentarios