Todas as áreas sanitarias suman activos da Covid-19, cun total de 2.306 na Galiza

Test de coronavirus Covid-19 (Europa Press)
Do total de pacientes positivos, 66 permanecen ingresados en unidades de hospitalización, mentres que 10 se atopan nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

O número de casos activos da Covid-19 na Galiza subiu a 2.306 neste domingo, o que supón 158 máis que na xornada de onte. No último parte da Consellaría de Sanidade, a área sanitaria da Coruña e Cee continúa a acumular máis da metade dos casos activos, un total de 1.207, 40 máis que onte.

Do total de pacientes positivos, 66 permanecen ingresados en unidades de hospitalización, mentres que 10 se atopan nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI). En tanto, 2.230 persoas son atendidas desde os seus domicilios.

Nas últimas 24 horas 74 persoas recibiron a alta epidemiolóxica e leváronse a cabo nese tempo 3.837 PCR. A partir do número de casos activos novos, das altas epidemiolóxicas e mais dos falecementos pódese deducir, segundo os datos da Consellaría de Sanidade, que o número de novos casos detectados entre onte e hoxe ascende a 233. Na última semana, a cifra total é de 1.333 casos novos.

Todas as áreas experimentan incrementos desde a última xornada, sendo a segunda máis destacada en números absolutos a de Compostela e O Barbanza, que con 40 casos máis alcanza os 212. A de Lugo e A Mariña suma 304 activos, 26 máis que onte; a de Ourense, Verín e Valdeorras 203, oito máis que o sábado, mentres que a de Vigo acumula 154, once máis; na de Pontevedra e O Salnés 120, 24 máis; e na de Ferrol son xa 106, con 9 casos activos máis.

Residencias

Nas residencias, o número de casos activos permanece estábel respecto ao sábado, cun total 85dos que 66 son persoas maiores, 56 delas usuarias da residencia do Incio, e 19 integrantes dos cadros de persoal. No foco da residencia de Orpea, en Culleredo, mantéñense dez casos activos.

A maiores, hai oito traballadores contaxiados no Incio, dous en DomusViLalín e catro en Culleredo. As residencias DomusVi de Monforte, Paradela, San Bartolomeu de Xove e DomusVI de Barra de Miño en Coles manteñen un caso entre o persoal cada unha. Súmase a estes o positivo dun traballador da residencia para persoas con discapacidade das Flores, en Ourense.