Tres residentes falecidos en relación ao foco da Covid no centro de maiores do Incio

Residencia de maiores do Incio, xestionada pola Fundación San Rosendo, na que se detectou un foco da Covid-19 o 20 de agosto (Imaxe: Carlos Castro/Europa Press)
O 20 de agosto a Xunta da Galiza interveu a residencia despois de que 65 residentes e profesionais resultasen positivos nas probas de coronavirus neste centro do Incio, xestionado pola Fundación San Rosendo.

Un home de 68 anos usuario da residencia de maiores do Incio faleceu na tarde do sábado, segundo comunicou a Consellaría de Sanidade. Xa son tres os residentes que perderon a súa vida en relación ao foco da Covid-19 que afecta a este centro de maiores xestionado pola Fundación San Rosendo.

Na pasada cuarta feira, 19 de agosto, a Consellaría de Sanidade informou de que unha profesional do centro dera positivo na proba do coronavirus. Na xornada do 20, tras someter a mesma proba ás persoas do centro, residentes e persoal, detectáronse un total de 65 casos. A gravidade do foco obrigou á Xunta da Galiza a tomar a decisión de intervir a residencia.

Nese mesmo día, a Fundación San Rosendo informou tras o resultado das PCR que as persoas contaxiadas foran separadas en plantas diferenciadas e atendidas por equipos propios. Conforme aos datos da propia entidade, os outros 60 usuarios deran negativo. Ese día dous residentes que permanecían ingresados no hospital de Lugo, trasladados antes de detectarse o foco, obtiveron un resultado positivo.

Co intervención sanitaria da residencia, segundo informou a Xunta, persoal sanitario comezou un seguimento médico constante das persoas afectadas mentres supervisa a aplicación dos protocolos aprobados pola Administración galega. Naquel momento, Sanidade asegurou que a totalidade dos residentes contaxiados eran asintomáticos.

A maiores, a residencia detallou que todas as persoas están illadas nos seus cuartos, onde reciben os almorzos, xantares e ceas. As actividades conxuntas, incluídos os paseos polos corredores, foron suspendidas. Así mesmo, a fundación indicou que xerencia se puxo en contacto con todas as familias para comunicar os protocolos adoptados.

O 21 de agosto, a Consellaría de Sanidade informou da morte de dous usuarios, ambos residentes. Un deles permanecía ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti, o HULA, mentres que outro faleceu no propio centro de maiores. Na xornada de onte, o departamento sanitario comunicou o pasamento dun terceiro residente, o segundo varón que estaba hospitalizado en Lugo.

Reunión dos Gobernos territoriais

A vindeira segunda feira, a Vicepresidencia de Servizos Sociais convocou ao grupo de traballo de residencias de maiores, para que as Administracións territoriais informen do alcance e situación dos focos da Covid-19 nestes centros, así como das necesidades ou dificultades que enfrontan.