"Tiven que acabar na sanidade privada para descubrir que teño un só ril funcional"

O tempo medio de espera por unha ecografía xenitourinaria na área de Vigo é de 115,9 días, un incremento de 54% desde 2014. (Foto: Alexander Raths)
Case catro meses é o tempo de espera medio na área sanitaria de Vigo para someterse a unha ecografía xenitourinaria e nalgúns casos pode achegarse ao ano. Esa demora levou unha doente de infeccións crónicas de ouriños a recorrer á sanidade privada após varios meses "saltando de antibiótico en antibiótico sen máis probas" cunha doenza que se agudizou co paso do tempo.

A saturación pola falta de medios alcanza todos os estamentos do sistema sanitario público da Galiza. Listas de agarda cada vez máis longas, demora na asignación de consultas e resolución de probas diagnósticas... Son moitas as eivas que denuncian tanto os profesionais sanitarios como as asociacións de pacientes e na defensa da sanidade, unhas carencias agudizadas tras a irrupción da pandemia da Covid-19 e cuxas consecuencias sofren as persoas doentes.

N.C.M. é unha mosense de 20 anos de idade que vén sufrindo infeccións de ouriños recorrentes desde hai perto de dous anos. Ao principio non lle daba moita importancia —"ía a Urxencias e non volvía padecela até pasados uns tres meses, non me preocupaba demasiado"—, mais a comezos de 2021 a doenza tornou practicamente crónica. "Empecei a sufrir infeccións cada mes ou mes e medio, e aí vin que pasaba algo, mais cando ía a Urxencias dicían que non vían nada estraño, dábanme un novo antibiótico e para a casa, sen facerme proba ningunha; xa perdín a conta de todos os que me receitaron", explica, en conversa con Nós Diario.

O pasado outubro a paciente pediu unha cita co médico de cabeceira que tardou en chegar: "Tiña unha ao mes, mesmo cada 20 días. Fixéronme un cultivo para ver se eran consecuencia dunha bacteria mais perdérono; fixeron outro un tempo despois e resultou negativo. E eu seguía igual, de medicamento en medicamento e indo a Urxencias cada pouco".

A infección rematou por subirlle ao ril: "Fun a Urxencias ouriñando sangue, déronme un antibiótico e mandáronme á casa, entendendo que non precisaban ingresarme. Mais ao día seguinte volvín, de novo con sangue nos ouriños, con moita máis dor e con 40ºC de febre. Novo antibiótico, desta vez máis forte, e só provocou que o vomitase. Volvín a Urxencias uns días despois e, máis unha vez, o mesmo proceso: cultivo negativo, antibiótico e á casa".

Antibióticos, probióticos, pílulas de arandos e máis cultivos... Sen éxito. "Xa en xaneiro deste ano volvín e dixeron que me farían unha ecografía para ver que podía causarme tantas infeccións... Mais a cita era para setembro, e eu tiven novos episodios en febreiro, marzo, abril, maio, xuño, xullo...", lembra.

Esta última foi especialmente aguda e, ante a demora na sanidade pública, N.C.M. avogou por acudir a un especialista en Uroloxía da privada. "Estivo comigo unha hora e media facendo diferentes probas para atopar o problema, algo que nunca me pasara nas consultas no Sergas, fíxome unha ecografía e aí descubriu que só teño un ril funcional; o outro non chegou a desenvolverse. E iso ninguén mo dixera até este momento", precisa.

A causa das súas infeccións de ouriños crónicos aínda non se confirmou a 100%; porén, a doente celebra esta descuberta que "explica moitas das complicacións" que padeceu ao longo destes meses. Aliás, o constante salto "de antibiótico en antibiótico para ver cal podía funcionar" provocou a debilitación da súa flora vaxinal. "Iso fixo que incen as bacterias e pasen ao tracto urinario, desencadeando novas infeccións", sinala.

Demoras de até un ano

Como ela, centos de doentes teñen que agardar varios meses por unha ecografía xenitourinaria, unha das probas con maior lista de agarda no Sergas. Segundo os datos máis recentes, a 31 de decembro de 2021 —aínda non se fixeron públicos os rexistros do primeiro semestre de 2022—, 5.923 persoas agardaban, cunha demora media de 110,6 días por esta ecografía no conxunto do país, algunhas delas até máis de doce meses.

No caso concreto da súa área sanitaria, a de Vigo, a lista de espera abranguía 1.719 persoas cunha media de 115,9 días, cifra que aumentou de forma considerábel desde a pandemia da Covid-19: en decembro de 2o19 había unha demora de 91,4 días para 1.601 doentes nesta área. E, botando a vista máis atrás, ao remate de 2014 eran 898 as que agardaban unha media de 75,4 días.