“O que tivemos que soportar durante todos estes anos de proceso da Operación Jaro non se resarce”

Imaxe de arquivo dunha comparecencia dalgúns dos encausados neste proceso.

A sentenza absolutoria da Audiencia Nacional a 12 independentistas galegos acusados de “enaltecemento do terrorismo” non deixa marxe para dúbidas. Para Brais González, avogado de 3 dos acusados, o fallo é “demoledor para a acusación”, a Fiscalía. Joam Peres, portavoz dos encausados, reitera que vén de clarificarse que o proceso respondeu a unha “montaxe político-policial”.

A Audiencia Nacional absolveu os 12 independentistas encausados na ‘Operación Jaro’ e para os que a Fiscalía pedía máis de 100 anos de prisión. Unha sentenza que pon fin así ao proceso que se alongou máis de 5 anos e no que mesmo pairou a ilegalización de Causa Galiza e Ceivar.

“O nivel de farsa e invención que concorreron nesta causa era algo tan insostíbel que non convenceu nin a Audiencia Nacional”, sinala Brais González, avogado no xuízo de 3 das encausadas e de Ceivar. “É una derrota da acusación”, engade, en referencia á Fiscalía, que poñía sobre a mesa petición de penas de prisión e ilegalizacións de organización política e social.

“O nivel de farsa e invención que concorreron nesta causa era algo tan insostíbel que non convenceu nin a Audiencia Nacional”, sinala Brais González, avogado

Para Joam Peres, portavoz dos encausados na ‘Operación Jaro’, “vén confirmarse a tese que mantiñamos desde o principio de todo isto, hai xa 5 anos: que era una montaxe político-policial” co independentismo galego no punto de mira. “Este proceso, que se alargou durante todos estes anos para causar o maior dano posíbel, era un esperpento”, prosegue Joam Peres.

“A precipitación por recortar os dereitos políticos do independentismo derivou finalmente en que o independentismo tivo, por dicilo así, un ‘espaldarazo’ xudicial”, indica Brais González, que fai fincapé en que esa “lexitimidade e amplitude” coa que as forzas de seguridade perseguían até o de agora o independentismo vén de recibir unha especie de ‘correctivo’.

“Non era unha acusación sostíbel, eles pensaron que con prexuízos e o simple relato policial chegaba” [para condenar os 12 independentistas], “mais non foi así”, indica.

“Vén confirmarse a tese que mantiñamos desde o principio de todo isto, hai xa 5 anos: que era una montaxe político-policial”, considera Joam Peres, un dos 12 encausados

Para Peres, a Garda Civil quixo “infrinxir un duro golpe ao independentismo galego”, con acusacións que implicarían cárcere e ilegalizacións, e finalmente “saíulle o tiro pola culata”. Pon en valor este militante de Causa Galiza a “importante” campaña de solidariedade que se desenvolveu ao longo destes anos mais tamén puxo o dedo na chaga: “Os custos que tivemos que pagar ao longo deste proceso non se resarcen: erosión e esgotamento psicolóxico, gastos económicos, campaña mediática de intoxicación, imposibilidade de desenvolver traballo político con normalidade...”.

Lembra, neste sentido, os titulares da maioría dos medios de comunicación daquel 31 de outubro de 2015, “Desarticulado o brazo político de Resistencia Galega, dicían” e como se alcumaba os detidos como “terroristas”. E iso, apunta, “nin se rectificou nin hai resarcimento”.

Pola súa banda, Brais González, e xa en clave xurídica interna, chama a atención sobre un dos argumentos da sentencia: o de que non hai delito de enaltecemento do terrorismo porque non hai organización terrorista activa. “É importante”, salienta o letrado, “porque hai maxistrados doutras salas da Audiencia Nacional que si están condenando por enaltecemento a pesar de non existir organizacións terroristas activas”.