Operación Jaro

Absoltos os 12 independentistas galegos acusados de "enaltecemento do terrorismo" na 'Operación Jaro'

Imaxe de arquivo.

 "Fíxose xustiza", afirman os encausados. Os maxistrados absolven os doce militantes galegos de todas as acusacións e rexeitan a disolución de Causa Galiza e Ceivar, como pedira a Fiscalía

A Audiencia Nacional absolveu os 12 independentistas encausados na ‘Operación Jaro’ e para os que a Fiscalía pedía máis de 100 anos de prisión, segundo adintou Eldiario.es nunha infotrmación de Daniel Salgado. Pon así fin a un proceso que se alongou máis de 5 anos e no que mesmo pairou a ilegalización de Causa Galiza e Ceivar.

Un total de 102 anos de prisión para as 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar imputadas a raíz da Operación Jaro I e Operación Jaro II era a petición da Fiscalía que lles imputaba agora “pertença a organizaçom criminosa para a comissom de delitos de enaltecimento do terrorismo". As penas oscilaan entre os 4 e 12 anos de cárcere.

En conversa con Nós Diario após coñecer a sentenza absolutoria, José Antom González Maceiras, 'Muros', un dos encausados, afirmou que "a xustiza fixo xustiza". Emocionado, o militante independentista brincou con que hoxe ao independentismo "caeunos o premio Gordo de Nadal" e incidiu en que as acusacións feitas pola Fiscalía non se sostiñan. 

Na sentenza, os maxistrados Alfonso Guevara, María Teresa García e Ana María Rubio absolven os doce militantes galegos de todas as acusacións e rexeita a disolución de Causa Galiza e Ceivar, como pedira o Ministerio Público.

O tribunal considera que "en ausencia dun movemento violento de carácter terrorista efectivo á vez que se desenvolvían" as supostas actuacións de "enaltecemento" atribuídas a Causa Galiza e  Ceivar e "non acreditada a existencia dun chamamento á violencia" por parte destas, non pode concluírse que existise unha "finalidade delituosa".

Ademais, ditamina que non se acreditou que Causa Galiza "tivese relación, persoal ou institucional, co grupo denominado Resistencia  Galega, algúns de cuxos membros foran condenados por actividades terroristas". A Sala tampouco considera acreditado que entre os fins da asociación estivese a de enaltecer ou xustificar as accións levadas a cabo por Resistencia  Galega ou por algún dos seus membros.

Respecto de  Ceivar, explica que se creou para prestar todo tipo de apoio aos presos condenados por causa da súa militancia independentista e, do mesmo modo que con Causa Galiza, a sentenza establece que non se acreditou que  Ceivar estivese relacionada con Resistencia  Galega e tampouco que a súa finalidade fose a de enaltecer as súas accións, «sen prexuízo dalgúns dos seus membros participase en actos de recibimento a presos condenados por actividades de carácter violento ou terrorista, ou que reclamase o seu achegamento a cárceres galegos».

Rexeita a disolución de  Ceivar e Causa Galiza

Os maxistrados afirman que pese ao relato presentado polo Ministerio Fiscal para apoiar a súa pretensión de condenar aos xulgados por "enaltecemento", estas organizacións "non tiñan tal finalidade como obxectivo social senón os que figuran definidos nos seus respectivos estatutos e aos que non referimos no relato  fáctico", polo que non cabe a súa disolución.

"Resulta innegábel a inmersión de ambas as asociacións no ámbito da loita independentista plasmada en multitude de movementos que tiveron ao longo dos últimos anos no territorio da comunidade autónoma", observan os maxistrados, que con todo entenden que o seu fin non é o "de levar a cabo actos de enaltecemento con relevancia criminal".

Ademais, considera que a orientación política de Causa Galiza é merecedora de protección constitucional.

Para o tribunal, a actuación que se lles imputa –a de lembrar ou recibir a determinados militantes independentistas que, ou ben faleceron no desenvolvemento dunha acción armada ou ben que cumpriron as condenas impostas e saíron en liberdade, acompañándoas no seu recibimento– non "pode considerarse integradora dunha finalidade de enaltecemento do terrorismo que leva á cualificación de organización criminal".