Manuel Ibáñez detido por narcotráfico no Brasil

Os negocios sospeitosos dos Ibáñez

Parte do cartel da Interpol reclamando a Manuel Ibáñez Carrera. (Foto: @UnionOficiales)
A residencia de maiores de Salvaterra de Miño, da que se veñen de denunciar as condicións das usuarias e usuarios, é un dos negocios da familia Ibáñez Carrera, sobre as que pesan algunhas sospeitas.

A residencia de Salvaterra de Miño é outro dos negocios da familia Ibáñez Carrera. Os pais do actual propietario deste centro de maiores intervido desde o pasado 27 de outubro iniciáronse profesionalmente no sector da venda retallista de peixe, pasando posteriormente á distribución e iniciando a partir de aquí unha diversificación empresarial que os levou ao negocio da hostalaría, como propietarios dun coñecido estabelecemento de Ponteareas.

Segundo sinalan a Nós Diario profesionais da dependencia coñecedores das orixes do centro de maiores de Salvaterra de Miño, “nun primeiro momento estaba pensado como un hotel e en función diso construíuse, o que explica os problemas da edificación para prestar servizos como residencia da terceira idade”. “A propia forma das habitacións, os espazos comúns ou os corredores son unha evidencia de que o seu destino era outro e complican moito ofrecer unha calidade asistencial correcta”, afirman as mesmas fontes. Precisamente, a propia disposición dos espazos foi un dos aspectos criticados polos traballadores do Sergas desprazados a Salvaterra.

A propiedade da residencia correspondeu até 2010 aos fillos dos fundadores, Juan Jesús e Manuel Ibañez Carrera, que cesou ese ano dos seus cargos como administrador solidario da sociedade xestora do centro de maiores. O 11 de xuño de 2013, Faro de Vigo deu conta da detención en Lisboa de Manuel Ibáñez Carrera como máximo responsábel en Europa dunha rede de narcotráfico liderada polo narcotraficante colombiano Alejandro Pareja, que introduce cocaína agochada en peixe desde Brasil a Portugal.

Interpol

Manuel Ibáñez Carrera apareceu durante varios anos como un dos galegos reclamados pola Interpol, solicitando o Goberno brasileiro a súa extradición ao Executivo portugués o 19 de outubro de 2018. A comezos de 2020, Manuel Ibáñez atopábase detido no cárcere Milton Dias Moreira do Estado de Río de Xaneiro, onde denunciou repetidamente a través dos seus avogados o trato recibido.

A xestión de Juan Jesús Ibañez Carrera como máximo responsábel do centro de maiores de Salvaterra de Miño é obxecto de repetidas críticas desde diferentes ámbitos. A este respecto, persoal da Xunta da Galiza destinada á mesma, no marco da intervención temporal para atallar a pandemia, considera “imposíbel traballar nesta dotación pola resistencia da dirección, pola falla de medios humanos, até o punto de que a dirección vén de sacar unha oferta para contratar oito limpadoras”.

“Incúmprense as normas de protocolo de circuítos limpos/sucios para traballar. Malia as chamadas de atención aos coordinadores e directivos, para solucionar este aspecto, os intentos para delimitar e diferenciar correcta e claramente as zonas sucias, intermedias e limpas non foron totalmente efectivos”, afirman traballadores do Sergas destinados á residencia, quen destacan a “imposibilidade para atender correctamente os residentes, debido unha vez máis á falla de organización dos responsábeis”.

As queixas dos traballadores da residencia de Salvaterra de Miño diríxense, tamén, á Xunta. Así, en declaracións Nós Diario significan que “a toma do control do centro por parte da Xunta da Galiza non está implicando un cambio na calidade asistencial nin unha mellora na capacidade de resposta” e solicitan que o Goberno galego “tome dunha vez en serio a situación dos maiores deste xeriátrico, a maioría dos cales son dependentes”.

 

Ves de ler un extracto da nova sobre o que rodea á residencia de Salvaterra do Miño. Se queres continuar coa lectura, podes atopar o texto no Nós Diario que atoparás esta quinta feira no quiosque ou na loxa para a súa lectura na nube. Evita dar voltas e subscríbete xa!