Diego Lores

"Este tipo de xuízos o que procuran é meter o medo medo na xente"

Diego Lores. Imaxe Galiza Ano Cero

Activista da Oficina de dereitos sociais de Coia, Vigo, Lores enfróntase a unha petición de 3 anos e medio de prisión polos protestos de hai dous anos na 'Rotonda de Alfageme' de Vigo. Naquel conflito, sostén, evidenciáronse dous modelos de cidade diferentes. “Moita xente tomou conciencia de poñer en cuestión un modelo de cidade, un modelo de vida, que nos condena a ser superviventes”.

O activista de ODS Coia enfróntrase o 17 de xaneiro a un xuízo no que se piden para el 3 anos e medio de prisión e unha responsabilidade civil de máis de 30.000 euros. A fiscalía rexeitou por dúas veces facer parte do proceso contra este activista, mais mantense a acusación particular. Acúsano dunha suposta agresión a un axente no marco das protestas e mobilizacións que decorreron hai dous anos en Vigo contra a instalación na rotonda dun barco. Un desbaldimento de cartos, denunciaban os opositores ao proxecto, a prol dun modelo de cidade 'artificial'. Un manifesto reúne estes días sinaturas ao longo de todo o Estado en solidariedade con Diego Lores.

- O manifestou impulsado pola asemblea aberta de Coia recabou un bo feixe de sinaturas en solidariedade contigo ás portas do xuízo que tes o 17 de xaneiro. Sinaturas de diferentes sectores e de diferentes partes do Estado e nas que hai nomes de persoas moi coñecidas. Sorprendido por un apoio tan amplo?

- Sorprendido e moi agradecido, a verdade. Basicamente, o que se pon de manifesto é que hai moita xente traballando e implicada en moitos sitios en tentar crear modelos de vida alternativos ao modelo capitalista. Embora non partillar espazos, hai xente que recoñece na loita de Coia unha loita que tamén é deles, e que tamén se dá noutros lugares do Estado. Estes apoios o que reflicenten é que moita xente entendeu que o que aconteceu en Coia acontece tamén noutras partes, en loitas que hai noutras cidades.

- A fiscalía rexeitou por dúas veces facer parte do proceso contra ti. Mais este continúa adiante coa acusación particilar do policía. Por que cres que segue adiante este axente?

- Dous fiscais dixeron que non atopaban probas para que o xuízo fose adiante e solicitaron o sobresemento. Mais mantense a acusación particular, que non a paga el [o axente que acusa], non lle ten custo, senón que a paga a Policía Local ou o Concello de Vigo. Non sei por que o fai, por que se mantén nunha postura que xa dous fiscais dixeron que non se sostiña...

- Consideras que con estes xuízos estase a procurar unha criminalización do protestos?

- Aí vemos casos como o de xuízos a activistas contra os despexos, ou o de Emilio Cao [mozo do Carballiño para o que piden 5 anos de cárcere polas marchas da liberdade], entre outros. Co meu caso e o de Xurxo [outro veciño de Coia xulgado polas mobilizacións no barrio] meteron medo na xente, veciños que se amedentraron nun primeiro momento. Durante moitos anos, a parroquia do Cristo da Vitoria protagonizou en Coia mobilizacións e protestos de todo tipo, mesmo con cortes de tráfico, e non pasaba nada. Agora acábase nos xulgados.

As multas, os xuízos, meten medo á xente, mais creo que, pasado todo este tempo, podemos dicir que gañamos. O barco está na rotonda si, mais durante todo aquel tempo fomos quen de xerar preguntas sobre que modelo de cidade queriamos, sobre onde se invisten os nosos cartos, de como desobedecer con argumentos e sen violencia proxectos 'faraónicos' como aquel...

- Na loita da rotonda de Coia argumentabades que se contrapoñían dous modelos de cidade diferentes, mesmo antagónicos...

- Opuñámonos a ese modelo de cidade que consideramos que se fai de costas á xente e pensando só nunha minoría. Ese modelo que fai que a día de hoxe a metade dos orzamentos de políticas sociais de Vigo estea xestionado por Clece, unha empresa privada, que é de Florentino Pérez. E isto pasa nun concello que 'se chulea' de gasto social. Estamos nunha cidade na que unha minoría atesoura cada vez máis poder, un Vigo onde se fan grandes infraestruturas que non sabemos moi ben a quen serven... Un gran decorado de cartón pedra que oculta a realidade dos despexos, da xente que sofre por saír adiante no día a día, das dificultades...

Na rotonda deuse esa tensión entre os dous vigos, por dicilo así. Para ODS Coia foi bonito ver como a xente se sumaba a esa loita, reclamando outro modelo de Vigo, unha cidade diferente...

- Mais viñeron as eleccións municipais e Abel Caballero gañou con moita contundencia...

Gañou, en Vigo e tamén aquí, no barrio. Abel Caballero está xogando moi forte e está xogando ben (ri) polo que se ve nos resultados. Non deixa espazo ao resto. Cando foi do conflito da rotonda a verdade é que o tratamento informativo foi, por dicilo así, unilateral a favor do Concello nos medios máis importantes da cidade, como o Faro ou a Ser.

Que Caballero tivese tanto apoio nas eleccións é frustrante, certo, porque é unha persoa que aposta nun modelo de goberno moi 'chulesco', bravucón. Porén, isto non quer dicir que non haxa resistencias, máis febles do que gostariamos, mais hainas. E continuamos a facer política desde abaixo, fóra da órbita dos partidos, política de barrio, da xente, dos movementos sociais...

- Destaca en Vigo o movemento en torno aos dereitos sociais, moi activo, e con axentes que van desde Os Ninguéns até o ODS Coia.

Hai colectivos que levan décadas traballando, como o que fai Cristo da Vitoria. E durante estes anos houbo colectivos que estaban implicados e traballando en torno aos dereitos sociais desde diferentes perspectivas. Coa crise, deuse unha realidade na que moita xente foi expulsada do proxecto colectivo de vida. E iso pode que fixese que nestes anos aumentase a actividade en torno aos dereitos sociais, a conciencia de poñer en cuestión un modelo de cidade, un modelo de vida que nos condea a ser superviventes.