Unha manchea de voces por Diego Lores

Diego Lores. Imaxe: Galiza Ano Cero

 De Manuel Rivas e Méndez Ferrín a Fermín Mugurza ou O Leo, de Martiño Noriega a Olalla Rodil ou Anna Gabriel. De Torres Queiruga a Carlos Taibo, Teresa Forcades ou Miren Etxezarreta. Un amplo abano de persoas apoian o activista que vai ser xulgado en xaneiro polos protestos da 'Rotonda de Alfageme'.

 Diego Lores enfróntrase o 17 de xaneiro a un xuízo no que se piden para el 3 anos e medio de prisión e unha responsabilidade vivil de máis de 30.000 euros. Un xuízo no que non hai acusación pública, a fiscalía rexeitou por dúas veces facer parte do proceso contra este activista, mais si acusación privada: a Policía Local. Acusan Diego Lores de suposta agresión a un axente durante os protestos que decorreron hai dous anos en Vigo contra o proxecto de instalar un barco nunha rotonda, uns cartos, sosteñen os opositores, moito máis necesarios en cuestións sociais.

“Tendo sempre por bandeira a non violencia, a resistencia pasiva e a desobediencia pacífica, paralizáronse as obras. As forzas de orde público interviñeron, e comezaron a chegar as multas e as detencións: tras Xurxo, foi a quenda a Diego. Agora, dous anos despois, dará comezo o seu xuízo”, manifestan desde a Asemblea Aberta de Coia, impulsora dun manifesto que veñen de asinar nomes e rostos coñecidos de diversos ámbitos: social, cultural, político, educativo...

Apoian o manifesto un bo número de representantes do mundo da cultura. Desde os escritores Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Fran P. Lorenzo ou María Reimóndez ao cantante vasco Fermín Muguruza e o gaiteiro e regueifeiro Luis 'O Caruncho'. Debuxantes como Pepe Carreiro ou Miguel Brieva, actrices como Beatriz Campos (Actriz Migallas Teatro). A listaxe é ampla: Sechu Sende, García MC, O Leo, Belén Gopegui, Eduardo Rodriguez Cunha “Tatán” ou o crítico e editor Constantino Bértolo.

Non faltan as sinaturas do activismo, do sindicalismo ou do eido do ensino. Carlos Taibo, Laura Bugalho, Miren Etxezarreta (Economista e catedrática emérita da Universidade Autónoma de Barcelona), Raúl Zibechi (Escritor e pensador activista uruguaio), María Campuzano (Alianza contra a Pobreza Enerxética), Anxo Angueira (Filólogo, escritor e estudoso literatura galega), Manuel Caamaño, o teólogo Torres Queiruga...

Representantes políticos e militantes tamén quixeron apoiar Diego Lores. Asinan o manifesto un amplo abano de membros de En Marea, co seu portavoz patrlamentar Luís Villares á fronte, así como o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, ou Xosé Manuel Beiras. Tamén rubrican o documento Olalla Rodil e Ana Miranda, do BNG, así como Anna Gabriel e David Fernández, da CUP, ou Ohiana Etxebarrieta (deputada da esquerda aberrtzale), entre outros.

A listaxe completa de apoios, así como o manifesto íntegro, poden consultarse aquí.