Test de antíxenos "a quen entre pola porta"

O test de antíxenos tamén se estendeu aos cribados masivos. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
Desde a pasada sexta feira o persoal dos Puntos de Atención Continuada deben realizar un test de antíxenos a calquera paciente que se achege ás urxencias da Atención Primaria para ser atendido. O cambio de criterio xera dudas entre o persoal sanitario e incrementa a sobrecarga de traballo.

Sanidade vén de mudar o procolo de uso das probas rápidas de antíxenos para a detección do coronavirus nos servizos de urxencias hospitalarias e nos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde.

É a segunda vez, en menos dun mes, que Sanidade introduce cambios nun documento que está en permanente revisión e que agora obriga ao persoal sanitario dos PAC a realizar un cribado "a todo paciente sen síntomas compatíbeis coa COVID-19 que demande atención sanitaria presencial no centro e non tivera realizada ningunha outra proba diagnóstica de infección activa nas últimas 48 horas".

O novo protocolo complica a xestión dos propios centros

O que nos exixe o novo protocolo -con data do 29 de xaneiro- que nos chegou esta mesma semana é que lle fagamos un test de antíxenos a todos os doentes que entren pola porta do PAC", declara a Nós Diario, persoal dos PAC, que se laia dun uso inadecuado de recursos dispoñíbeis.

"Segundo o protocolo de hai dez días o test de antíxenos non llo podiamos facer a pacientes asintomáticos porque non é fiábel. A marxe de erro é moi ampla. Agora, indican o contrario, co que insto implica, ademais, para a xestión do propio centro, engaden.

Cambio de criterio e maior sobrecarga

O protocolo do 12 de xaneiro estabelece "as probas rápidas de detección de antíxenos en persoas con síntomas compatíbeis coa Covid-19" en vista da alta sensibilidade destes tests "en pacientes sintomáticos nos 5-7 primeiros días desde o inicio da sintomatoloxía, nos que presumibelmente existe unha alta carga viral".

Desde os PAC piden reforzar os equipos de persoal e ferramentas de diagnóstico adecuadas para cada caso

As novas indicacións, din, implican, ademais dun cribado masivo encuberto, unha alteración das funcións básicas do persoal de enfermaría. "A realización dos tests de antíxenos exixen un espazo específico e protección alta. Onde só hai un equipo cunha médica e unha enfermeira, tes a enfermeira anulada todo o tempo pendente da entrada de pacientes, porque se se viste e desviste de cada vez, non gañamos para EPI".

Desde os PAC piden reforzar os equipos para facer fronte ao traballo que lles corresponde nas mellores condicións así como as ferramentas de diagnóstico  adecuadas para cada caso, se do que se trata é aumentar a detección. "Un tets de antíxenos nun paciente sintomático o único que vai conseguir é unha falsa sensación de tranquilidade", aseveran.