Tes pensado presentarte ás oposicións de educación? Este é o prazo para inscribirte
A Xunta da Galiza abrirá desde esta terza feira o prazo de inscrición nas oposicións de Educación deste ano, o cal estará aberto até o vindeiro 10 de marzo. Segundo informou o Executivo galego, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicará esta segunda feira a convocatoria, que conta con 1.664 prazas, das cales case 86% son de novo ingreso.
As persoas interesadas en presentarse ás probas, que comezarán o 21 de xuño, deberán presentar as súas solicitudes na sede electrónica da Xunta. Para iso, poderán usar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica, incluído o sistema de usuaria e a clave Chave365.
Así mesmo, será necesario proceder ao pagamento da taxa vixente no momento da presentación electrónica da solicitude. Das 1.664 prazas, case 86% (1.424) serán de ingreso libre, 10 para o acceso ao corpo de inspección de educación e outras 230 para que mestres e mestras que xa forman parte do sistema poidan acceder a un posto como profesores de Secundaria.
Por corpos, no de mestres e mestras convócanse 426 prazas en oito especialidades, e no de docentes de ensino secundario, 918 en 33 especialidades. Pola súa parte, haberá 80 prazas en oito especialidades no corpo de docentes especialistas en sectores singulares da FP e 10 para inspección de educación. En canto á promoción interna, haberá 230 prazas en 32 especialidades.
Desenvolvemento das probas
As probas desenvolveranse a partir do 21 de xuño en diferentes localidades, que se concretarán máis adiante. Os requisitos de titulación para cada un dos corpos, a documentación necesaria, o baremo e todo o procedemento relativo á presentación de solicitudes e posterior desenvolvemento do proceso poderán consultarse na convocatoria.
O persoal interino e substituto que realizar servizos no ensino público galego deberá participar no procedemento selectivo destas oposicións, sempre que se convoquen prazas da súa especialidade, para manter os seus dereitos a permanecer nas listas.
