Os territorios da Raia piden axudas polos prexuízos que supuxo o feche

Intervención do deputado Uxío Benítez, da AECT Río Miño. (Foto: Rafa Estévez)
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) e o  Goberno portugués foron os promotores do evento, 'Encontro de cooperación transfronteiriza'.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño), en colaboración co Goberno portugués, reuniu na mañá de onte en Vila Nova de Cerveira altos cargos de ambos os dous Estados relacionados coa cooperación ibérica e coa xestión dos fondos europeos. No encontro tamén participaron as autoridades galegas e da rexión Norte de Portugal.

O obxectivo desta xuntanza foi, segundo expresou nun comunicado a Deputación de Pontevedra, o de "abordar os retos da fronteira galego-portuguesa para os vindeiros anos", baixo o título “Encontro de cooperación transfronteiriza”.

Deste modo, un dos aspectos que se tratou na xuntanza foi o do impulso que deben recibir os territorios raianos, entre eles o miñoto, logo das negativas consecuencias do fechamento das fronteiras a causa da crise sanitaria provocada pola Covid-19.

O encontro chegou no momento no que a AECT Río Miño está inmersa na captación de fondos europeos para a rexeneración da actividade socioeconómica da zona. Así, unha das reivindicacións da agrupación é a de que se destinen fondos específicos á área que axuden a paliar tanto as perdas de empresas como de persoas traballadoras que se produciron.

Na sesión de apertura do encontro, que decorreu en formato mixto no Cineteatro Marreca Gonçalves, tomaron parte o secretario de Política Territorial do Estado español, Víctor Francos; o director da AECT Río Miño, João Fernando Brito Nogueira; o embaixador de Portugal en España, João Mira-Gomes; a embaixadora de España en Portugal, Marta Betanzos Roig; e a secretaria de Estado da Valorização do Interior, Isabel Ferreira.

O apartado "Desafíos futuros” moderouno o integrante do Grupo de Traballo da Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo (ECDT) da Universidade do Porto, José Alberto Rio, e estivo integrado por tres conferencias: "ECDT", “A importancia dos próximos programas de cooperación territorial transfronteiriza” e “Visións rexionais”. 

Así mesmo, na parte que versou arredor do intercambio de experiencias, o vicedirector da AECT Río Miño, o deputado Uxío Benítez, expuxo o traballo realizado até o de agora coa marca turística “Rio Minho”.

Tamén se trataron o “Programa Iacobus” e outras iniciativas de diversas eurocidades do Estado español con Portugal, e o “TUT, Transporte Urbano Transfronteirizo” do que falaron os integrantes da Eurocidade Chaves-Verín.