Un terremoto de magnitude 3,8 sacode a ría de Muros e Noia

Punto no que se rexistrou o tremor. (Imaxe: IXN)
O sismo non provocou ningunha incidencia.

Un terremoto de magnitude 3,8 na escala de Richter rexistrado de madrugada fronte á costa da ría de Muros e Noia, con epicentro no Atlántico, fíxose sentir en diferentes localidades do país como Rianxo, Brión, Vigo, A Estrada, Soutomaior ou os propios concellos de Muros e Noia.

Porén, este movemento sísmico non provocou ningunha incidencia salientábel e o teléfono de emerxencias da Galiza 112 non recibiu chamada ningunha nas últimas horas.

Segundo información ofrecida polo Instituto Xeográfico Nacional, o tremor da terra produciuse contra as 3.45 horas na zona do Atlántico-Galiza, fronte á costa de Muros e Noia, cunha profundidade de 19 quilómetros.

Fortes choivas na Galiza

Por outra parte, a AEMET alerta de abundantes precipitacións durante esta quinta feira en territorio galego, con acumulacións de até 40 litros de auga por metro cadrado en diferentes comarcas. Aliás, sinala o risco de fenómenos costeiros por todo o litoral.

A respecto dos ventos, a AEMET avisa de fortes refachos do suroeste ao litoral noroeste do país ao longo de toda unha xornada que marcarán os ceos nubrados e as persistentes precipitacións.