Por terra, mar e aire: na Galiza xa habitan máis de 160 especies invasoras

Cangrexo americano, presente en zonas como o encoro de Cecebre (Foto: Wikipedia CC).
Da tartaruga de Florida ás herbas de coitelo ou o argazo xaponés. As especies exóticas invasoras están nos diferentes hábitats do territorio galego, implicando en moitos casos serias ameazas para a flora e fauna autóctona.

Hai uns días coñecíase a nova do avistamento de varios exemplares de tartaruga de Florida na logoa de Louro, na ría de Muros e Noia. Un rico ecosistema onde reinan as garzas, que veñen atraídas pola abundancia de anfibios e réptiles. A detección da tartaruga de Florida, especie moi voraz, non deixa de preocupar polo seu posíbel impacto.

A presenza de especies exóticas na Galiza non é unha novidade. Segundo os datos da Xunta da Galiza, con rexistros de 2021, no conxunto do país hai un total de 165 especies catalogadas como exóticas invasoras. É dicir, que proliferan de tal maneira que "alteran os ecosistemas" ou convértense "nunha ameaza de extinción de especies autóctonas e nativas". Está por case todo o territorio, con preferencia na faixa costeira e ríos. E hainas de diferentes tipos, desde plantas até mamíferos, mariñas (argazo xaponés), acuáticas (sapoconcho da Florida) ou terrestres (formiga arxentina, visón...).

A súa entrada na Galiza débese principalmente ao factor humano, quer voluntario quer fortuíto. Coa globalización aumentou o fluxo no comercio, viaxes, transportes... que favorece esa chegada desde calquera parte do mundo. Unha vez aquí, cada especie funciona ao seu ritmo, desde que se asentan no territorio até pasar a se comportar como invasora".

O inzamento de especies exóticas invasoras constitúe unha das máis grandes ameazas á preservación da biodiversidade, impedindo o desenvolvendo doutras autóctonas e provocando, polo tanto, un desequilibrio nos ecosistemas. E a situación non ten visos de mellorar, pois estudos recentes, como o da University College London, sinalan que de aquí ao ano 2050 a súa presenza no continente europeo aumentará en até 64%, converténdoo no "principal destino mundial de plantas e animais invasores".

Actualmente, na Galiza poden atoparse especies invasoras procedentes de diferentes continentes. A ameixa Corbicula procede do Xapón (Asia), a Herba da Pampa da Arxentina (América do Sur), o visión americano dos Estados Unidos (América do Norte) e a acacia, de Australia.

En 2022 no Concello de Cambre, comarca da Coruña, un equipo de biólogos realizou un estudo de especies invasoras existentes no municipio. Concluíron que neses apenas 40 quilómetros cadrados, figuran até 46 tipos de plantas exóticas con potencialidade de ser invasoras.

Desde a herba da Pampa até a acacia negra, pasando por especies xa naturalizadas na zona, como o cisne vulgar (presente en toda a ría do Burgo, na Coruña, entre outras localizacións) e o ganso do Nilo.

En xuño do ano pasado retiráronse do embalse de Cecebre máis 1.000 cangrexos americanos, unha das especies invasoras "máis perigosas", cun forte impacto na biodiversidade autóctona.