Teresa Romero levará o conselleiro de Sanidade de Madrid aos tribunais

Farao após rexeitar o responsábel político a conciliación proposta pola defensa da auxiliar de enfermaría que demandaba 150 mil euros de indemnización. 

 

O conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid, Javier Rodríguez, rexeitou esta segunda feira (17 de novembro) a proposta de conciliación achegada pola defensa de Teresa Romero. A auxiliar de enfermaría galega contaxiada de ébola durante o tratamento fornecido a un dos misioneros trasladados ao Hospital Carlos III desde África Occidental, demanda unha indemnización de 150 mil euros a Rodríguez por prexuízos á súa honra. 

Após o rexeitamento do conselleiro, que cre as súas desculpas suficientes, o conflito resolverase nos tribunais

Durante o período de ingreso e incomunicación da técnica sanitaria o conselleiro responsabilizou a profesional do seu contaxio nunhas declaracións que, após as fortes críticas, foron consideradas polo propio Javier Rodríguez como "desafortunadas". Perante a presión mediática e social Rodríguez chegou a pedir desculpas a Teresa Romero e o seu compañeiro, Javier Limón. No entanto, para a defensa da auxiliar isto non foi suficiente polo que presentarán unha demanda contra el. 

A oferta de conciliación supuña o paso previo á formalización da querela coa que Teresa Romero reclama unha indemnización que xa avanzou, de a conseguir, destinará a ONGs e asociacións ou colectivos de defensa animal. 

Cumpre lembrar que a defensa de Romero tamén asegurou que adoptarán medidas legais contra a administración madrileña polo sacrificio do seu can, Excálibur. O animal foi sacrificado malia contar coa desaprobación do compañeiro de Romero, Javier Limón.