Teresa Romero enceta accións legais contra a Consellaría de Sanidade de Madrid

A auxiliar de enfermaría exixe responsabilidades pola morte do seu can, Excálibur, e polas declaracións do conselleiro, Javier Rodríguez, a quen pedirán 150 mil euros de indemnización.

 

O gabinete de avogad@s que defende a auxiliar de enfermaría contaxiada por ébola en Madrid, Teresa Romero, iniciou esta segunda feira a campaña de accións legais contra a Consellaría de Sanidade após ser dada de alta do hospital Carlos III. 

A primeira das medidas adoptadas pola técnica sanitaria dirixirase a dirimir as responsabilidades penais que deriven do sacrificio do seu can, Excálibur. Neste senso, Romero e o seu compañeiro, Javier Limón, presentaron perante a Consellaría de Sanidade da Comunidade de Madrid unha solicitude para iniciar o procedemento administrativo contra a decisión de sacrificar o animal. 

Danos morais

Segundo a información recollida por Europa Press, que tivo acceso á documentación presentada, a parella quer que se recoñeza o prexuízo moral causado logo de que o propio Limón expresase no mes de outubro a súa oposición "de maneira rotunda" a acabar coa vida do can. Un feito que, din, respondeu a unha decisión "adoptada de maneira precipitada, sen as precaucións acaídas, toda vez que non se procedeu a facerlle as probas necesarias para determinar se o can estaba contaxiado", afirman. 

Na información recompilada pola defensa de Romero e Limón cítase a opinión do experto Eric Leroy que consideraba "importante desde o punto de vista científico" manter con vida o animal, así como o acontecido nos EUA coa mascota da enfermeira de Dallas, tamén contaxiada e para o cal "os protocolos estabelecidos prevían non sacrificar o can". 

Reclaman unha indemnización de 150 mil euros ao conselleiro de Sanidade de Madrid

Aliás, a equipa de avogad@s preparan tamén a súa ofensiva legal contra o conselleiro de Sanidade, Javier Rodríguez, após as declaracións públicas en que responsabilizaba a Teresa Romero do seu contaxio. Por este feito, demandan unha indemnización de 150 mil euros por atentar "gravemente" contra a honra da auxiliar de enfermaría con acusacións "falsas". 

Inicialmente Romero e Limón tentarán solucionar o conflito através dun acto de conciliación previo á demanda civil que xa teñen preparada. De aceptar este acordo, a parella destinará o diñeiro a ONGs e protectoras de animais. O seu obxectivo é limpar a imaxe da traballadora.