Teresa derrota definitivamente ébola

Teresa Romero gaña a batalla. O segundo test deu negativo. A enfermeira galega venceu definitivamente a enfermidade.

 

A segunda análise deu outravolta negativo e clinicamente iso significa que Teresa Romero, a enfermeira galega que se tornou na primeira persoa en contraer ébola fóra de África, está completamente curada.

A partir de agora, a sanitaria, de 44 anos e natural de Becerreá, poderá baixar á planta, nos próximos días, e abandonar a estancia de máxima seguranza biolóxica en que se achaba internada desde o pasado 6 de outubro.

É imposíbel determinar cal dos tratamentos que se lle aplicaron a Teresa  (o plasma dun enfermo e un antiviral) foi o factor decisivo para superar unha doenza letal no 70% dos casos

Conclúe aquí do ponto de vista médico a crise do ébola, mas fican moitas incógnitas por despexar. Existen múltiples indicios que permiten afirmar que Teresa non só foi vítima do virus, senón tamén da neglixencia das autoridades médicas españolas que non estabeleceron un protocolo de seguranza que garantise o dereito á saúde das persoas que atenderon os dous relixiosos españois repatriados de África, nun estado de enfermidade xa moi avanzada, por unha decisión do Estado español.

De facto, o marido de Teresa Romero, Javier Limón, internado tamén no mesmo hospital que a súa compañeira, anunciou este domingo que recorrerá aos tribunais para denunciar a "grande trapallada" das administracións sanitarias na xestión do ébola. Cumpre lembrar que, nomeadamente nos primeiros compases da crise, o PP caiu na tentación de tentar responsabilizar en solitario a Teresa polo contaxio -alegando imprudencia ao tocarse a cara cunha luva.

Nas actuais condicións do coñecimento científico de enfermidade é imposíbel determinar cal dos tratamentos que se lle aplicaron a Teresa  (o plasma dun enfermo e un antiviral) foi o factor decisivo para superar unha doenza que en África rexista taxas de mortalidade no entorno do 70%.