O terceiro premio cae moi repartido pola Galiza: estes son os municipios agraciados
O número 90.693 resultou agraciado co terceiro premio do Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal, dotado con 500.000 euros á serie, caendo na Galiza moi repartido. O número foi cantado ás 11.12 horas no cuarto arame da quinta táboa. O mesmo tocou na Galiza, do mesmo modo que un segundo premio, adquirido polo persoal de Bimba y Lola, e outros dous quintos premios.
No caso do terceiro premio, con 50.000 euros ao décimo e 500.000 á serie, recaeu en dúas administracións da cidade da Coruña, ademais de na Illa de Arousa (O Salnés), en Baio (Zas, Terra de Soneira) e no Mesón do Vento (Ordes), en Chantada e Ribadeo (A Mariña), ademais de en Lugo,prm en Vigo e no Porriño (comarca de Vigo).
Os premios do Sorteo Extraordinario de Nadal 2025 comezaranse a abonar desde a tarde do 22 de decembro, cando finalicen tanto as verificacións dos números extraídos como os procesos informáticos, como é habitual, e até o 23 de marzo de 2026.
Unha administración da Coruña reparte 10 millóns
Unha administración de lotaría da Coruña, situada na rúa Alcalde Lens, repartiu dez millóns de euros do terceiro premio, coa venda de 20 series e de 200 décimos. "Estamos moi contentos", celebrou Beatriz desde a citada administración. Ademais, incidiu en que o número gañador, 90.693, é habitual da administración. "Levamos 20 anos con el", precisou en relación á súa venda.
Por outra parte, na administración número 1 de Pontevedra, Celia Portela explicou que se venderon 45 series e 450 décimos dun quinto premio. A responsábel concretou que "hai moito anos" tamén lles tocou un quinto, mais estando ela á fronte esta é a primeira vez. "Para min, é o primeiro. Estamos moi felices", celebrou.