A terceira dose da vacina, sen evidencia científica

Menores de 30 anos e adolescentes veñen de sumarse á vacinación masiva. (Foto: Arxina).
O anuncio por parte do Goberno do Estado da necesidade dunha terceira dose da vacina en liña co avanzado en primavera por laboratorios como Pfizer e Moderna reabre o debate sobre a mellor estratexia de vacinación contra a Covid, o acceso ás vacinas e o respecto á evidencia científica por parte das autoridades políticas.

Tras asinar un contrato de 1.800 millóns de euros con Pfizer e de 480 millóns de euros con Moderna co fin de garantir a subministración de inxeccións en 2022 e 2023, o Goberno do Estado avanzou que haberá que inocular unha terceira dose de reforzo da vacina contra a Covid-19.

O anuncio correspondeulle á ministra de Sanidade, Carolina Darias, quen non se comprometeu a fixar unha data para o inicio desta nova fase dentro do proceso de inmunidade contra o coronavirus malia dar case por segura esa terceira picada.

Segundo recoñeceu, "todo apunta" a que será necesario administrar unha terceira dose da vacina ante la aparición de novas variantes que poñan en risco a protección actual que ofrecen os fármacos aprobados.

Porén, as declaracións da ministra van máis aló do avalado pola evidencia científica e as axencias regulatorias.

"Por agora non hai evidencia científica de que sexa necesaria unha terceira dose", afirma África González, catedrática de Inmunoloxía e investigadora do CINBIO, Centro de investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo. Así o indicaron tanto a Organización Mundial da Saúde, a Axencia Europea do Medicamento como a Sociedade Española de Inmunoloxía, precisa. "As vacinas están ofrecendo un gran nivel de protección. O importante é poder chegar ao  maior número de persoas no menor tempo posíbel, vacinando a poboación máis vulnerábel en todo o planeta".

Nova vacinación

A experta asegura que o sistema inmunitario, unha vez descobre un patóxeno por primeira vez "é capaz de recordar e de  mellorar a súa resposta, aínda que o patóxeno poida variar un pouco". Así, estabelece dous supostos nos que "habería que pensar unha nova vacinación". Dunha banda, apunta a aparición de "elevados casos de reinfección pola mesma variante, por perda de memoria inmunitaria, con enfermidade grave e mortes".

Neste caso, di, precisaríase unha terceira dose da mesma vacina. Doutra, alude á aparición de elevados casos de reinfección por unha nova variante que escape ao control do sistema inmunitario. "Neste suposto necesitaríase unha nova vacina fronte a la nova variante, pero diferente, e habería que determinar se se precisarían unha ou dúas doses". 

Acceso equitativo

Con pouco máis de 50% da poboación estatal inmunizada -70% na Galiza-, África González defende que agora mesmo non tería sentido comezar a administrar unha terceira dose do fármaco contra a Covid de forma global. As vacinas escasean e a desigualdade no acceso favorece a extensión da pandemia. "Hai países que só inocularon 1% da súa poboación e é aí onde poden xerarse nova variantes". É aí onde cómpre pór o foco e facilitar a o proceso de vacinación. "O virus vai mutando conforme se replica, e en zonas cunha alta taxa de contaxio é onde xurdirán  novas variantes que prolongarán a pandemia".

Por iso reclama un "esforzo global para que a vacinación sexa equitativa" e vaia acompañada  de "medidas de seguimento das variantes, distancia, máscara, hixiene, ventilación", moi eficaces á hora de conter os contaxios.

Con todo, matiza, podería considerarse a administración dunha terceira dose "a  determinados colectivos se se demostra que a vacinación non foi suficientemente eficaz, como persoas inmunodeprimidas por estar en tratamento inmunosupresor -transplantadas, doentes autoinmunes-, inmunodeficientes ou persoas maiores cuxo sistema inmunitario non respondeu adecuadamente".

O debate sobre a necesidade de administrar unha terceira dose da vacina fronte á Covid-19 coincide no tempo coa incorporación dos grupos de idade máis novos á campaña de inoculación masiva contra o coronavirus, entre eles, o de adolescentes.

Crianzas e adolescentes

"No caso de nenos e adolescentes, non está moi claro o beneficio que podería ofrecer a vacinación, xa que si se infectan co virus SARS-CoV-2 adoitan desenvolver unha enfermidade moi leve ou asintomática", afirma a inmunóloga África González.  "Hai que recordar que as vacinas non impiden os contaxios, pero si evitan as mortes e a Covid grave".

Aclara a catedrática e investigadora que non se estudou un gran número de crianzas nos ensaios clínicos, "que amosaron un nivel moi alto de resposta inmunitaria. Mais ao pasar a doenza de forma leve é moi difícil coñecer o grado de protección que desenvolven, así como os posíbeis efectos secundarios raros", conclúe.

A mellor estratexia entre menores

A mellor estratexia para a poboación menor, defende África González, "sería estabelecer grupos de risco para recibir a vacina, persoas que por ter outras comorbilidades -obesidade, diabetes, hipertensión- son  máis vulnerábeis; non apostar por unha vacinación global de crianzas e adolescentes".