Persoal investigador da USC presenta unha terapia revolucionaria contra o cancro

De esquerda a dereita, Arturo López, David Buceta, Fernando Domínguez e Vanesa Porto. (Foto: Santi Alvite / USC)
As actuais terapias contra o cancro vense limitadas porque a enfermidade evoluciona para evadir os fármacos e reproducirse; porén, o consorcio internacional que lidera o equipo da USC logrou superar esta dificultade.

Persoal do Grupo Galego de Investigacións Oncolóxicas do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de publicar na revista científica Advanced Functional Materials o seu último traballo, no que lograron "caracterizar as accións biolóxicas dunha nova molécula sintetizada polo grupo Nanomag do iMATUS (USC)", a Ag5. Este grupo está liderado por Fernando Domínguez e Arturo López Quintela.

"Estudamos unha molécula de cinco átomos de prata, denominada Ag5, que causa a morte da célula dependendo do estado do metabolismo enerxético celular", relata Vanesa Porto, unha das asinantes deste estudo —impulsado por un consorcio internacional liderado pola USC—, que demostra a "eficacia terapéutica" de Ag5 en animais de experimentación.

Mais, por que supón isto un achado importante? Porto explícao: "Nas células normais do organismo existe un equilibrio entre os oxidantes e antioxidantes celulares que é fundamental para manter as funcións e supervivencia; as alteracións neste balance provocarían a morte celular. Porén, as células tumorais adquiren unha serie de alteracións que fan que se dividan de forma incontrolada e 'perdan' a capacidade de morrer".

Para artellar a súa investigación utilizaron un modelo de cancro de pulmón metastásico, e concluíron que a molécula Ag5 "inhibe o crecemento" tanto do tumor primario como das metástases nos ganglios linfáticos.

"En comparación coas células normais do organismo, o metabolismo enerxético das células tumorais está aumentado para manter a súa gran proliferación. Como resultado, a xeración de especies reactivas de oxíxeno está incrementada nas mitocondrias dos tumores. Para contrarrestar a oxidación producida por estes altos niveis, estas mesmas células están equipadas cunha potente maquinaria antioxidante. Aquí é onde actúan as agrupacións industriais de prata de cinco átomos [Ag5], xa que catalizan a oxidación irreversíbel destas proteínas provocando, por tanto, a morte celular", sentencia Porto.

Matar a célula canceríxena sen afectar a sa

Esta molécula sintetizada polo equipo de Nanomag, subliña o persoal investigador, "aumenta a accesibilidade de fármacos que se unen ao ADN e, desta forma, cando se combina coa quimioterapia mellora a súa eficacia terapéutica".

A primeira molécula que desenvolveron foi un 'clúster' de prata de tres átomos que "non posúe actividade antitumoral por si mesma". Porén, neste novo estudo a molécula foi de cinco átomos e as investigadoras concluíron que esta si ten actividade propia contra o cancro.

A nanomedicina, salienta Vanesa Porto, é unha das ferramentas dispoñíbeis máis eficaces para combater o cancro "de maneira moi precisa e apuntando ao foco do problema, unha concreción que facilita que o tratamento sexa especialmente destrutivo coas células malignas, sen afectar nin danar as sas".