Saúde

Dormes pouco? Ter sono faiche sentir até dez anos maior, segundo este estudo

sono (Foto: Nós Diario)
"Protexer o noso sono é crucial para manter unha sensación de mocidade", salienta o persoal investigador.

Unha investigación da Universidade de Estocolmo (Suecia), publicada na revista científica Proceedings of the Royal Society B, vén de desvelar que ter sono pode facer sentir a unha persoa até dez anos maior do que realmente é, polo que os autores e autoras recomendan protexelo e durmir as horas recomendadas para sentirse "máis novo".

Neste sentido, as persoas expertas aseguran que "sentirse mozo non é só unha cuestión de percepción", pois en realidade está relacionado con resultados obxectivos en materia de saúde. Estudos anteriores demostraron que sentirse máis novo que a idade real asóciase a unha vida máis longa e saudábel. Mesmo se demostrou que a idade subxectiva pode predicir a idade real do cerebro: quen se senten máis novos teñen cerebros máis novos, afirman.

"Dado que o sono é esencial para a función cerebral e o benestar xeral, decidimos comprobar se garda algún secreto para preservar a sensación de mocidade", afirmou a investigadora do Departamento de Psicoloxía da Universidade de Estocolmo, Leonie Balter. No primeiro estudo, preguntouse a 429 persoas de entre 18 e 70 anos canto de maiores se sentían, cantos días do mes anterior non durmiran o suficiente e canto sono tiñan. Resultou que por cada noite de sono insuficiente no último mes, os participantes sentíanse, de media, 0,23 anos máis vellos.

Nun segundo estudo, os investigadores comprobaron se era efectivamente a falta de sono a causa de que as persoas participantes se sentisen maiores. Para iso, realizaron un estudo experimental de restrición do sono do que participaron 186 persoas de entre 18 e 46 anos. As e os participantes restrinxiron o seu sono durante dúas noites —só catro horas na cama cada noite— e noutra ocasión durmiron o suficiente durante dúas noites, con nove horas na cama cada noite.

Tras a restrición do sono, os participantes sentíanse de media 4,4 anos máis vellos que cando gozaran dun sono suficiente. Os efectos do sono sobre a idade subxectiva parecían estar relacionados co somnolentos que se sentían. Sentirse extremadamente alerta estaba relacionado con sentirse até 4 anos máis novo da idade real, mentres que a somnolencia extrema estaba relacionada con sentirse 6 anos maior da idade real.

"Isto significa que pasar de sentirse alerta a somnolento engadía uns sorprendentes 10 anos á idade que un sentía", di Balter, quen afirma tamén que as implicacións para a vida diaria son claras. "Protexer o noso sono é crucial para manter unha sensación de mocidade. Isto, á súa vez, pode promover un estilo de vida máis activo e fomentar comportamentos que favorezan a saúde, xa que tanto sentirse moza como alerta son importantes para a nosa motivación para ser activos", conclúe a investigadora.