Xuízo do Alvia

[VÍDEO] Tensión na saída de Andrés Cortabitarte do xuízo: "Tes as mans manchadas de sangue"

O ex alto cargo de Adif Andrés Cortabitarte, á súa saída da Cidade da Cultura, esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)
Un grupo de vítimas e familiares abordou o ex responsábel de Seguridade de Adif á súa saída da Cidade da Cultura. O pai dunha vítima chegou a golpealo.

Á primeira hora da mañá, Andrés Cortabitarte eludiu acceder pola porta principal ao edificio da Cidade da Cultura no que está a decorrer o xuízo polo accidente do Alvia. Porén, rematada a vista inicial, o ex responsábel de Seguridade de Adif optou, desta volta, por saír polo acceso habilitado. Alí agardábao unha multitude anoxada polo decurso dos acontecementos.

"80 mortos! Diga o que diga a sentenza, hai 80 mortos sobre a túa conciencia", dixo unha das persoas presentes. "Tes as mans manchadas de sangue!", berrou outra. Cortabitarte, impasíbel ante os medios de comunicación que lle pedían unhas palabras, eludiu facer valoración ningunha. "En 10 anos [non] falei e non vou falar nunca", dixo.

A tensión foi en aumento e o pai dunha vítima do accidente chegou a propinarlle un golpe na cabeza, tras o que pareceu sufrir un desmaio, polo que os policías nacionais que o custodiaban decidiron apoialo contra un furgón para comprobar o seu estado.

Posteriormente, o ex alto cargo de Adif embarcou no coche para abandonar a Cidade da Cultura mentres os axentes tomaban declaración ao home que o golpeara.

Cuestións previas do xuízo

O avogado que defende Cortabitarte criticou durante as cuestións previas que o xuízo entre a debater elementos técnicos relativos á seguridade, se ben a xuíza advertiu que estas circunstancias están "intimamente ligadas" e haberá que abordalas.

Tras a conclusión das cuestións previas, o xuízo retómase esta quinta feira co interrogatorio ao maquinista, Francisco José Garzón, e a sexta será a quenda do propio Cortabitarte.

En concreto, o letrado Ignacio Sánchez fixo referencia a escritos de acusación que sinalan factores como a desconexión do ERTMS —sistema de control de velocidade— e o cambio de proxecto da liña Ourense-Santiago, que eliminou este sistema do último treito na vía, onde se produciu o descarrilamento.

A titular do xulgado do penal número 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, respondeu a isto que no relativo á "falta de garantía da seguridade da liña" entran "mil cuestións" e que iso será "obxecto no seu caso da sentenza" ou se abordará tamén "no momento dos interrogatorios". Son, incidiu, "cuestións técnicas intimamente ligadas unhas con outras", idea na que coincidiu a continuación o fiscal xefe de Santiago, Mario Piñeiro.