Teño síntomas da Covid ou son contacto estreito dun positivo... que debo facer?

Test de antíxenos positivo (Foto: Nós Diario).
Todas as preguntas e respostas sobre o novo protocolo que se aplica na Galiza en relación á Covid-19.

O Ministerio de Sanidade, co apoio unánime dos gobernos territoriais, aprobou antes do remate de 2021 unha mudanza nos protocolos de actuación en relación ás persoas contaxiadas da Covid-19.

Así, acordouse reducir o período de corentena para as persoas asintomáticas ou cun cadro "leve" da Covid a sete días, fronte aos dez actuais.

Que fago se dou positivo en antíxenos?

Na Galiza, unha das novas medidas anunciadas pola Xunta é a aceptación do test de antíxenos para notificar un contaxio. Se das positivo debes comunicalo o antes posíbel á centraliña que atende as incidencias relacionadas coa Covid-19 no país, o número 881 540 045.

Debo facer unha PCR?

Segundo informou o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, as persoas que dean positivo en antíxenos non serán sometidas a unha PCR por mor da saturación do sistema sociosanitario. No momento en que se comunica o contaxio principia unha corentena de dez días.

E a quen se lle fan agora as PCR?

A Consellaría de Sanidade desmantelou antes do previsto inicialmente os puntos habilitados para practicar probas PCR sen necesidade de cita previa e de balde, polo que agora as PCR só se realizarán aos contactos estreitos de positivos ou as persoas con síntomas compatíbeis coa Covid-19.

Son contacto estreito, que fago?

A central de seguimento porase en contacto cos contactos estreitos dun positivo, e citaráselles para facer unha PCR no quinto día após o contacto coa persoa contaxiada. Se o contacto estreito ten a pauta completa da vacina e non padece patoloxías graves, non deberá gardar corentena. En caso contrario, esta será de sete días.

Como obteño a baixa laboral?

Cando se confirme o positivo cunha PCR. Con todo, o Goberno galego estuda autorizar a expedición de baixas laborais só co test de antíxenos feito na casa para desconxestionar a Atención Primaria, colapsada pola explosión de contaxios e a falta de recursos.