O temporal suma case 1.400 incidencias e perto de 50 escolas fechadas

Nevada en Castroverde esta cuarta feira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A neve deixou varios incidencias destacadas no país ao longo da mañá. En especial zonas do interior, nas cales permanece activo un episodio de nivel laranxa por nevadas.

O temporal de vento, chuvia e neve que afecta a Galiza deixou xa desde esta segunda feira un total de 1.378 incidencias, segundo o cómputo do 112 Galiza. O servizo de atención a emerxencias precisou que, entre as 00 horas e as 13 horas desta cuarta feira contabilizáronse 160 incidentes relacionados coa meteoroloxía adversa.

Destes 1.378 incidentes, 73 foron provocados pola acumulación de neve, 39 por árbores e pólas nas estradas e seis por xeo nas vías de circulación.

A neve deixou varios incidencias destacadas no país ao longo da mañá. En especial zonas do interior, nas cales permanece activo un episodio de nivel laranxa por nevadas.

As estradas sufriron en gran medida os efectos da neve. Varios particulares que viaxaban pola A-6 informaron ao 112 de que as condicións meteorolóxicas adversas dificultaban a circulación: por exemplo, no quilómetro 543 á altura de Aranga.

No punto quilométrico 512 da mesma A-6 produciuse tamén unha saída de vía, aínda que sen feridos.

O mesmo ocorría nas Nogais, sen feridos, onde polos efectos da neve un vehículo saíase da estrada á altura do quilómetro 435.

Na autoestrada AP-9, un particular chamou ao 112 para alertar de que a circulación era lenta ao seu paso por Ordes, sobre todo en sentido A Coruña, onde envorcou un vehículo sen danos de gravidade.

Tamén en Ordes, na mesma autoestrada e pasadas as 12 horas, producíronse seis saídas de vía debido a unha forte granizada.

Dous das persoas implicadas precisaron asistencia sanitaria.

Desde o 112 Galiza deuse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos bombeiros de Ordes e ao centro de xestión da autoestrada.

En Melide, varios camións atrapados na neve tiveron que ser auxiliados por un tractor da empresa propietaria dos vehículos, ao quedar detidos debido ao xeo.

Alumnado sen aulas

As nevadas caídas nas últimas horas provocaron a cancelación da actividade lectiva esta cuarta feira en 48 centros educativos no interior do país.

En total, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Educación, máis de 7.200 alumnos e alumnas non acudiron aos seus centros , no que o transporte escolar permanecía suspendido.